O galego Daniel Seijo ocupa a dirección de Menéame

luns, 1 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Plataformas de recomendación de novas baseándose nos criterios dos usuarios como Digg, gozaban de grande éxito nos EE.UU., o que levou a que a finais de 2005 Ricardo Galli lanzase en España unha especie de clon, Menéame, que en Galicia tería Chuza! como réplica. Menéame conseguiu converterse en todo un referente estatal, cunha grande influencia tanto nos debates que se xeran no seu sistema como polo tráfico que achegan a moitos medios, pero por diferentes motivos, Galli decidiu que xa era hora de abandonar as súas responsabilidades no proxecto, e optou por pasar o relevo a Domingo Remojón e Daniel Seijo, que levarán respectivamente a xestión e dirección do proxecto.

Daniel Seijo durante a súa intervención no NOS Day

Cómpre salientar que nestes anos Menéame non conseguiu xerar ingresos acordes ao volume do proxecto, ou sexa, que non se converteu no negocio que podería ser, o que posiblemente aconteza agora que recae en mans máis experimentadas, pois lembremos que o compostelán Daniel Seijo é o responsable de proxectos como Diariomotor e ¿Qué coche me compro?.
Os novos responsables de Menéame tamén se fan cunha importante parte das participación de Galli en Menéame, polo que espérase un grande compromiso co proxecto, que manterá os seus valores, como son a liberdade de expresión, a privacidade, a transparencia e a non intromisión nas novas que elixe a comunidade de usuarios.