O galego Rubén Bastón, elixido director de Medios Sociais de Elogia

venres, 4 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa Elogia España, unha das máis importantes do mercado estatal en materia de promoción e publicidade en liña, vén de nomear ao galego Rubén Bastón (Bueu, 1982) novo director de Medios Sociais. Dáse a casualidade de Bastón, con este cargo nunha firma de forte presenza galega (o director xeral desta división española é Rubén López e, ademais, GaliciaBanner é o alicerce do departamento Elogia Media), convértese no directivo máis novo da historia da compañía, “con dereito a voto no comité de dirección da axencia e reporte directo ao devandito director xeral”, informa a asociación Ineo na súa web, da que por certo forma parte Elogia.
E prosegue: “Desde a oficina de Elogia en Vigo, Rubén Bastón coordina un equipo de dezaseis persoas en Vigo, Barcelona, Milán, México DF, Lisboa, Rio de Janeiro e Bos Aires, amais de desenvolver campañas para marcas como Privalia, Groupalia, Pizza Móbil ou Junkers”.
Bastón asume o novo cargo como un reto: "Esta decisión consolida a tendencia ao medre dos medios sociais de Internet non só como lugares para o lecer senón como oportunidades estratéxicas para as empresas para facer negocios", manifesta.

PUBLICIDADE