O grupo GRISAMP (USC) prepara un videoxogo, unha plataforma e un app de envellecemento activo
xoves, 9 de marzo do 2023
- Persoa maior empregando un dispositivo móbil nunha imaxe de Santi Alvite
O
grupo de investigación en Saúde Mental e Psicopatoloxía (GRISAMP)
da USC compartiu novos detalles sobre o seu proxecto TIC (Tecnoloxías
da Información e a Comunicación) para mellorar a saúde e a
calidade de vida das persoas maiores. A día de hoxe, o grupo está
avaliando a eficacia que pode acadar no
ámbito do envellecemento activo un videoxogo en liña, unha
plataforma virtual e a súa correspondente aplicación para
dispositivos móbiles.
Búscanse
persoas voluntarias
Ao
abeiro deste proxecto, o equipo do estudo GAME_PROAGING, coordinado
por Fernando Lino Vázquez, busca persoas interesadas en participar
no proxecto de balde e que teñan polo menos 45 anos, residan en
Galicia, e dispoñan dos dispositivos adecuados para realizar os
programas: computador e dispositivo smartphone con conexión a
Internet. Segundo indican, nesta fase do proxecto, o grupo precisa da
participación de persoas que, segundo as súas necesidades clínicas,
serían asignadas a unha intervención cognitivo-condutual
administrada a través dun videoxogo serio (serious game)
multimedia interactivo en liña, cunha aplicación complementaria ou
un programa, tamén en liña, sobre o avellentamento activo. As
persoas que teñan interese en participar proporcionarán os seus
datos de contacto (nome e apelidos, número de teléfono, correo
electrónico) enviando un correo electrónico a
gamapea.envejecimientoactivo@gmail.com.
Recoñecemento
Por
certo que este proxecto da USC acaba de ser recoñecido pola Comisión
de Recoñecementos da Conferencia Mundial de Educación A
Educación e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel.
Horizonte 2030 que se desenvolveu en Santiago de Compostela, do
16 ao 18 de febreiro de 2023. A investigación de GRISAMP recibiu un
accésit no marco do premio Iacobus de Educación, na categoría
Investigación e Innovación na área educativa de universidades e
centros de investigación.
Aventura
gráfica no Camiño Francés
O
tipo de videoxogo desenvolvido conforma unha aventura gráfica
baseada no Camiño de Santiago francés que se centra nun personaxe
protagonista (Jacobo) e integra o xogador/a nunha narrativa da que
xorden interaccións con personaxes, elementos da contorna e
crebacabezas, co obxectivo de adquirir ferramentas psicolóxicas e
adestrar a súa capacidade cognitiva.
A
intervención abrangue oito módulos de 60 minutos de duración cada
un, a razón dun por semana, con tarefas entre sesións para
practicar as habilidades adestradas na súa vida real. O proxecto de
investigación focaliza tres áreas: prevención da depresión,
estimulación cognitiva e hábitos de vida saudable. O primeiro dos
módulos presenta información sobre os síntomas depresivos e a
necesidade do seu afrontamento activo, comezando pola
auto-observación e rexistro do estado de ánimo e ensinando unha
técnica de control da activación, a respiración diafragmática
profunda.
Os
dous seguintes están orientados á activación condutual, mentres
que do terceiro ao quinto se introduce psico-educación sobre os
hábitos de vida saudábeis (sono, actividade física e
alimentación), así como estratexias para desenvolvelos. Nos módulos
sexto e sétimo adéstrase os participantes na identificación de
pensamentos negativos e a cambialos por outros máis racionais e
positivos. O último diríxese a fomentar a autoestima e a prevención
de recaídas. A estimulación cognitiva e o adestramento en
habilidades sociais son contidos transversais ao longo de todos os
módulos do videoxogo.
Oito
semanas
A
aplicación asociada ao xogo compleméntao, estando sincronizada con
el, e permite ao usuario repasar o aprendido, revisar os progresos,
consultar as etapas do Camiño, ou rexistrar as tarefas entre
sesións, entre outras funcións. A duración do programa é de oito
semanas, con avaliacións antes e despois do mesmo e aos 3, 6 e 12
meses logo da súa finalización. “Dado que o programa adminístrase
de xeito telemático, as persoas participantes poden realizalo
comodamente dende o seu domicilio e no momento do día máis adecuado
para eles”, informou o grupo da USC.