O grupo de investigación Novos Medios da USC organiza un seminario sobre comunicación e IA

luns, 22 de xaneiro do 2024 S. P.

O grupo de investigación Novos Medios da Universidade de Santiago de Compostela, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, organiza a vindeira semana o seminario A comunicación na era da Intelixencia Artificial, que se desenvolverá o vindeiro venres 2 de febreiro, en horario das 12.00 ás 14.00 horas. A asistencia está aberta de maneira gratuíta, mediante inscrición previa, para profesionais da comunicación.
 O seminario está coordinado por Xosé López García e Berta García Orosa, ambos os dous catedráticos de Xornalismo na USC, e vai contar coa participación de Sara Pérez Seijo, membro do grupo Novos Medios e profesora axudante doutor da USC; David Losada Carril, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial na USC; e Marcos Fernández Pichel, investigador CITIUS. “As distintas intervencións analizarán as principais ferramentas e habilidades para comunicar na era da Intelixencia Artificial”, explica o grupo da USC.
Trala presentación por parte dos coordinadores, o primeiro relatorio do seminario correrá a cargo de Pérez Seijo, que ás 12.15 disertará sobre O xornalismo e a Intelixencia Artificial. Riscos e oportunidades. Ás 13.00 será a vez de Losada Carril e Fernández Pichel, que tratarán de A revolución dos axentes conversacionais intelixentes: IAs xenerativas baseadas en Modelos Grandes de Linguaxe para a comunicación.
As charlas van realizarse a través da aplicación Zoom. A asistencia é aberta e gratuíta previa inscrición.

PUBLICIDADE