O investigador do CITIC Ignacio García dirixirá un proxecto sobre teoría de xogos

martes, 13 de febreiro do 2018 Redacción

Ignacio García, investigador da área de Ciencia de Datos e Información do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), dirixirá un proxecto de Investigación e Desenvolvemento (I+D) sobre teoría de xogos, un eido da matemática aplicada que afonda nas decisións que cómpre tomar para acadar a resolución dun reto ou dun desafío, atinxindo (tamén) as decisións tomadas polo resto dos axentes que interveñen no reto ou no desafío. Máis polo miúdo, o proxecto que vai dirixir Ignacio García busca optimizar aplicacións en loxística e estudar problemas de teoría de xogos.
Os traballos artéllanse ao redor de catro liñas de investigación: solucións en teoría de xogos, aplicacións dos xogos cooperativos en modelos de investigación operativa multi-axente, optimización en problemas de transporte e planificación e optimización en problemas de enerxía e medioambiente.
O equipo humano deste proxecto está composto por dezaoito matemáticos coordinados por investigadores do CITIC da UDC e no que tamén participan investigadores da Universidade de Santiago e da Universidade de Vigo.
Este proxecto está co-financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016 do MINECO e os Fondos europeos FEDER. Ademais, o MINECO concedeulles un contrato predoutoral dentro do seu Programa Estatal de Promoción do Talento e a súa Empregabilidade en I+D+i.
Para quen non o saiba, a teoría de xogos é arestora un dos ámbitos de estudo máis relevantes no eido económico, de especial relevante na pescuda de metodoloxías que axuden entender o noso comportamento fronte á toma de decisións. As investigacións desta teoría, polo tanto, afondan nas estratexias máis indicadas ante un problema e os diferentes comportamentos previstos e observados. Emprégase moito en economía aínda que tamén en bioloxía (selección natural), socioloxía, psicoloxía, filosofía e ciencias da computación.

PUBLICIDADE