O investigador do CiTIUS Alejandro Ramos é recoñecido polo seu traballo en sistemas intelixentes

venres, 2 de xuño do 2017 Redacción

O investigador posdoutoral Alejandro Ramos vén de acadar un importante recoñecemento estatal ao seu labor en materia TIC e, máis polo miúdo, polos seus esforzos na busca de recursos tecnolóxicos que sexan quen de permitirnos entender da maneira máis doada posíbel os datos inxentes xerados e tratados polos grandes sistemas de xestión e cálculo. Alejandro Ramos é investigador do CiTIUS (Universidade de Santiago). Segundo nos conta a USC, foi un seis doutores distinguidos na I Edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España-Fundación BBVA (SCIE-Fundación BBVA).
Estes galardóns están dirixidos a doutores menores de 30 anos que desenvolveran a súa tese nunha universidade ou centro científico do ámbito estatal. Amais, pretenden servir de estímulo á creatividade, a orixinalidade e a excelencia. Para máis información sobre o traballo de Ramos podemos visualizar un vídeo específico no YouTube acerca das contribucións do investigador ao proxecto GALiWeather.
Segundo nos contan dende a Universidade o investigador distinguido pola Fundación BBVA doutorouse en Tecnoloxías da Información o pasado mes de decembro, logo de defender con éxito a súa tese desenvolvida ao longo dos últimos anos no Grupo de Sistemas Intelixentes da USC. A principal contribución do traballo é que, por primeira vez, aplicáronse teorías de conxuntos borrosos ao ámbito das tecnoloxías de tradución automática de datos a texto (Data-To-Text technologies - D2T); un novo paradigma que ofreceu como resultado un sistema capaz de converter automaticamente a linguaxe natural os datos de carácter numérico-simbólico empregados por MeteoGalicia. De aí xurdiu, precisamente, a ferramenta GALiWeather, unha aplicación que xa foi obxecto de máis de 13 millóns de visitas e que é quen de traducir a diario a previsión meteorolóxica para os 314 municipios da comunidade “dunha maneira flexíbel e precisa”, explica a USC, engadindo que a aplicación ten a facultade de atinxir detalles de maneira moi semellante a nós, os humanos.
A Universidade tamén salienta outro dos grandes achados da tese do investigador: que por primeira vez propón a colaboración de dúas disciplinas que non traballaran aínda de maneira conxunta: a intelixencia computacional (máis polo miúdo, a lóxica borrosa) e a xeración de linguaxe natural (Natural Language Generation - NLG). O traballo abriu unha liña de colaboración internacional coa Universidade de Aberdeen (Escocia), á que se incorporará proximamente o Instituto de Lingüística da Universidade de Malta.

Vídeo que dá conta de GALiWeather

PUBLICIDADE