O laboratorio cartoLAB contribúe coas súas xeo-enquisas a coñecer o inimigo común: o COVID-19

mércores, 8 de abril do 2020 S. P.

En tempos de crise, a nosa comunidade de I+D lémbranos a importancia de apostar sempre polo coñecemento e a innovación. A gran cantidade de achados, recursos e solucións para contribuír a saír da crise sanitaria non fai máis que confirmalo. Por exemplo as contribucións do laboratorio cartoLAB da Universidade de Coruña (grupo de investigación sobre Visualización Avanzada e Cartográfica), que se uniu á loita contra o COVID-19 cun instrumento que sen dúbida dominan os seus integrantes: as xeo-enquisas.
Segundo informa a UDC, o laboratorio ten unha completa experiencia no impulso de iniciativas baseadas en Emapic, ferramenta de desenvolvemento propia para realizar enquisas participativas nas que se inclúen todo tipo de datos, incluída a localización das e dos enquisados. En virtude da posibilidade de obter datos xeoreferenciados, esta aplicación está a permitir agora a elaboración de mapas en diferentes liñas de investigación sobre a pandemia, así como sobre movementos como #YoMeQuedoEnCasa ou #Coronavirusmakers.
A primeira das iniciativas creadas con Emapic sobre o COVID-19 foi para coñecer as medidas de prevención e percepción do risco de contaxio. Traducida ao español, inglés, italiano, portugués e francés e con máis de 500 participantes, esta enquisa ilustra o comportamento da poboación nestas circunstancias tan especiais para adestrar un algoritmo neuronal que axude a entender os procesos de expansión dos contaxios.
Amais, un dos grandes movementos xurdidos ante esta situación de crise está a ser analizado a través desta práctica ferramenta, o traballo da iniciativa argalleira #Coronavirusmakers. Para iso, desde cartoLAB lanzaron unha enquisa coa que se está a elaborar un mapa activo co que se pode ver onde se atopan os voluntarios e voluntarias que están a colaborar coas súas impresoras 3D, e como están a producir e imprimir as pezas para o material sanitario necesario ante esta alarma do coronavirus.
Por último, desde cartoLAB lanzaron unha xeo-enquisa que pretende coñecer o posicionamento das persoas contaxiadas por COVID-19, froito da colaboración de persoas anónimas, ante a falta de datos oficiais desagregados cos que poder facer unha análise máis detallada da situación actual.
A UDC lembra que todas as enquisas están activas e abertas para todos aqueles que queiran participar e, desta maneira, “achegar tamén o seu gran de area desde as súas casas” e coñecer mellor esta situación excepcional que estamos a vivir.

PUBLICIDADE