O marketplace de Boqueixón nace como unha nova canle en liña de venta de produtos locais

martes, 2 de marzo do 2021 Pedro Pérez

O Concello de Boqueixón está a impulsar un proxecto para habilitar un marketplace co fin de dinamizar o comercio local. Trátase dun espazo de venta en liña onde os distintos establecementos poderán poñer á disposición do público os seus produtos de forma gratuíta.
A nova situación á que se teñen que adaptar os comercios locais por mor da pandemia é a principal causa pola que se está a levar a cabo esta iniciativa, co fin de potenciar así o comercio local e aumentar a competitividade. “Con esta proposta pretendemos favorecer a creación doutras vías de negocio para o noso pequeno comercio a través da Internet, nun momento no que os hábitos de consumo están cambiando, e cada vez estase implantando máis o comercio electrónico”, explicou o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
Co fin de informar desta nova proposta, organízase unha reunión explicativa na Casa da Cultura de Camporrapado o vindeiro 15 de marzo ás 20:00 horas, coas restricións sanitarias actuais e aforo limitado. Tódolos interesados en asistir deberán formalizar a inscrición previa a través do enderezo electrónico emprego@boqueixon.com.

PUBLICIDADE