O mes que vén chegará a España a nova tableta profesional resistente de Samsung

xoves, 17 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Samsung vén de anunciar a dispoñibilidade para empresas e profesionais en España da tableta Samsung Galaxy Tab Active Pro, adaptada para condicións ambientais complicadas, como frío, calor, humidade ou salpicaduras accidentais (conta con certificación IP68 contra a auga e o po), e incluso conta cunha funda de protección contra vibracións, impactos e caídas de até 1,2 metros de altura. Esta tableta pode empregarse con dedos húmidos e con luvas, e incluso conta con teclas para a navegación básica, así como por empregarse cun S Pen para recoller sinaturas, realizar anotacións ou incluso realizar deseños con precisión.
A Galaxy Tab Active Pro ten unha pantalla de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles e 550 nits de brillo para poder empregarse en exteriores. Tamén é compatible con Samsung DeX para poder traballar coa tableta como se fose un ordenador empregando un teclado e un rato. Tamén integra NFC, polo que podería empregarse para intercambiar información con outros dispositivos ou incluso empregarse como terminal de punto de venda.
Esta nova tableta tamén conta coa plataforma de seguridade Samsung Knox e poderá mercarse a partires do 1 de novembro na súa Enterprise Edition, o que permite que os departamentos tecnolóxicos das empresas poidan integrala no seu sistema de control de flotas. Tamén promete actualizacións de software e parches de seguridade trimestrais durante os vindeiros 4 anos.

PUBLICIDADE