O modelo de educación dixital de Galicia preséntase no SIMO

mércores, 29 de outubro do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o modelo referente de educación dixital de Galicia no Salón Internacional de Tecnoloxía e Innovación Educativa (SIMO), que se celebra en Madrid. Trátase dun sistema que definiu como «un híbrido no que se equilibra o valor contrastado que ofrece o analóxico e as infinitas posibilidades das novas tecnoloxías, que cómpre empregar con sentidiño», afirmou.
«A intelixencia artificial e os continuos avances tecnolóxicos supoñen un desafío constante para a nosa sociedade e, dentro dela, para a educación», explicou Román Rodríguez, reiterando «o compromiso da Xunta para darlle resposta a estes novos retos». Nese sentido, lembrou que Galicia se converterá o vindeiro ano na primeira comunidade autónoma en contar cunha Lei de educación dixital, unha normativa tamén inédita en Europa.
Nestes momentos o Goberno galego ten aberto un amplo proceso de participación con axentes da comunidade educativa e expertos para avanzar nos detalles da lei, que ten como finalidade regular os dereitos e deberes das familias, do alumnado e do profesorado neste ámbito.
A nova lexislación abordará cuestións como a adaptación do uso das tecnoloxías nas aulas á etapa educativa e ao grao de madurez dos estudantes, o establecemento de ferramentas para un uso responsable da intelixencia artificial ou a regulación dos horarios de comunicación en liña entre o profesorado, os centros, as familias e o alumnado. «En todos os casos buscamos poñer o benestar dos membros da comunidade educativa por diante e, de feito, este mesmo ano aprobaremos un plan específico de benestar dixital nas aulas», destacou o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Expediente integrado

De maneira paralela, a Xunta está a desenvolver o proxecto EdugalIA, que aplicará a intelixencia artificial á gobernanza do sistema educativo e permitirá xerar, por primeira vez, un expediente dixital integrado para cada alumno. Entre outros beneficios, posibilitará un seguimento personalizado para previr o abandono temperán, ademais de habilitar un espazo de comunicación áxil entre familias, centros e Xunta para asistencia e información personalizada.
EdugalIA é a primeira iniciativa educativa en conseguir captar fondos do proceso de Compra Pública Innovadora, un total de dez millóns de euros, aos que se sumarán 6,6 millóns achegados polo Goberno galego. A contratación do sistema sairá a concurso nos próximos meses.

Máis dunha década de traballo

O titular de Educación puxo en valor o labor desenvolvido en Galicia neste eido, coa incorporación do libro electrónico hai máis dunha década e o programa E-Dixgal, que combina materiais dixitais e en papel, recoñecido o pasado mes de setembro a nivel estatal coa primeira edición do premio do Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED).
Tamén destacou a posta en marcha, no marco da Estratexia de educación dixital 2030, de iniciativas como os Polos Creativos, a elaboración de recursos didácticos que combinan ciencia, tecnoloxía e creatividade a través de programas como Ágora Dixital ou Creagal, así como as diversas accións dixitais que se desenvolven nas bibliotecas escolares e a implantación de novas materias específicas como Educación Dixital, Intelixencia Artificial para a Sociedade ou Tecnoloxías Intelixentes.

Stand propio para compartir boas prácticas

A Xunta de Galicia conta cun espazo expositivo en SIMO no que os visitantes poden coñecer de preto as diferentes iniciativas que integran o modelo galego de ensino dixital. O stand está atendido por persoal da Consellería, do Centro Autonómico de Formación e Innovación e do Centro de Innovación Educativa e Dixital.
Ademais, varios representantes da Consellería participan no programa de conferencias e mesas redondas do evento, centradas en temas como o benestar dixital, a presenza das pantallas nas aulas ou o papel da intelixencia artificial no desenvolvemento das competencias profesionais do profesorado.