O modelo de ensino híbrido de Galicia recibe un premio a nivel estatal
martes, 30 de setembro do 2025
O modelo galego de ensino híbrido vén de recibir un recoñecemento estatal ao ser galardoado co primeiro Premio do Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED). A entrega celebrouse en Málaga no marco das Xornadas de colaboración público-privada en educación, nas que participou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
O ONED, integrado por entidades como a Fundación Cotec, a Fundación Princesa de Girona ou a Universidade Internacional de Valencia, destacou a transformación dixital das aulas galegas e o carácter pioneiro da futura Lei de educación dixital. Segundo Román Rodríguez, este premio constitúe «un aval ao labor do Goberno galego nos últimos anos grazas ao diálogo permanente con toda a comunidade educativa».
Entre os aspectos máis valorados figuran a consolidación do proxecto E-dixgal, a posta en marcha de novos recursos abertos a través da plataforma cREAgal e o impulso dunha normativa que regulará dereitos e deberes no uso das tecnoloxías e fronte a desafíos como a intelixencia artificial.
Tras recibir o galardón, Rodríguez participou nun panel sobre políticas autonómicas de dixitalización educativa xunto con representantes de Baleares, Canarias e Andalucía. Pola súa parte, o xerente de proxectos de educación da AMTEGA, Manuel Ángel García, interveu nun debate sobre os primeiros pasos dos grupos de expertos do Observatorio.
O conselleiro insistiu en que o obxectivo prioritario de Galicia é consolidar un modelo híbrido no que as ferramentas tradicionais se combinen coas novas tecnoloxías para mellorar a aprendizaxe e dotar o alumnado das competencias dixitais necesarias para un desenvolvemento seguro, crítico e competitivo.
