O modelo galego de acreditación de competencias TIC estrearase chegando a 140.000 persoas

mércores, 1 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

Arredor dun total de 140.000 persoas, entre alumnado, profesorado e persoas adultas, vanse beneficiar da primeira fase do sistema de acreditación de competencias dixitais no eido educativo que a Xunta de Galicia vai implantar de xeito pioneiro, no marco da Estratexia de Educación Dixital 2030, o documento de accións coordinadas para a transformación tecnolóxica do ensino e o perfeccionamento das competencias necesarias na sociedade actual.
Con motivo da xornada Avanzando na dixitalización do sistema educativo, que reúne en Santiago a preto dun milleiro de persoas integrantes dos equipos directivos de colexios e institutos, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou as liñas básicas desta iniciativa: o procedemento permitirá acreditar o grao de adquisición de competencias tecnolóxicas e mellorar o acceso ao mercado laboral. A competencia dixital estrutúrase en cinco grandes áreas (Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Contorna dixital e solución de problemas).
Na súa primeira fase de desenvolvemento entre este curso e o vindeiro 2023-24, estímase que este procedemento chegará a uns 140.000 galegos: 100.000 estudantes, 31.000 docentes e 7.000 persoas adultas.
No caso do alumnado, a acreditación está integrada por 21 competencias que se poderán certificar en catro niveis diferentes: iniciación, intermedio, avanzado e especializado. Esta farase, por un lado, coa validación de oficio no momento de rematar os estudos ou ben a través da superación dunha proba específica.
No que atinxe ao profesorado, establécense cinco vías de acreditación: formación do profesorado e do recoñecemento de roles e funcións para os niveis avanzados, recoñecemento de títulos universitarios, proba acreditativa, observación do desenvolvemento profesional e aplicación de rúbricas e presentación e avaliación de evidencias e méritos mediante convocatorias ad hoc.
Finalmente, no que atinxe á acreditación de competencias dixitais para adultos, trabállase na creación da Rede Galega de Educación Dixital nas ensinanzas de Adultos. Así mesmo, levarase a cabo formación específica nas ensinanzas orientadas a maiores de 55 anos con baixo nivel de cualificación, atendendo especialmente á fenda de xénero, a poboación vulnerable e as zonas rurais.
A acreditación de competencias dixitais é unha das accións de impacto definidas na Estratexia Educación Dixital 2030, dotada cun investimento inicial de 120M€ para os tres primeiros anos de implantación, enfocadas a unha maior presenza da educación dixital nas aulas co fin de acadar a cidadanía dixital plena, a fomentar contextos híbridos de ensino-aprendizaxe e abordar o reto demográfico, entre outros.

PUBLICIDADE