O novo campionato mundial de modelado 3D da USC está dotado con 9.000 euros en premios
xoves, 9 de xaneiro do 2014
Descubrir
novas vocacións científicas entre estudantes preuniversitarios é o
obxectivo da D3Mobile
Metrology World League 2014,
o primeiro campionato mundial de modelado 3D de precisión con móbil
encamiñado a estudantes de todo o mundo nados entre 1996 e 1998. A
nova edición do dito torneo -organizado polo grupo de investigación
para a Documentación en 3D da Universidade de Santiago de Compostela
(USCAN3D)-
será en liña e estará dotada con 9.000 euros en premios,
incluíndo: iPads, tablets e unha raqueta doada por
Rafa Nadal.
A
competición consistirá en coñecer que equipa (de entre dous e
catro estudantes apoiados por un titor) é quen de medir e modelar
obxectos en 3D coa mellor calidade métrica e visual servíndose dos
seus dispositivos de teléfono móbil, un computador e un software
fotogramétrico libre.
Dende
a dirección do campionato salientouse que a habilidade dos
rapaces/as para o manexo das novas tecnoloxías garante a rápida
adquisición das destrezas precisas para tomar parte na D3mobile
Metrology League 2014, un encontro cuxas bases, así como toda a
información relativa ao seu desenvolvemento está dispoñible na
páxina
web
habilitada para a ocasión.
O
acto de presentación
da D3mobile Metrology World League 2014 congregou este mércores 8 de
xaneiro na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo ao
vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación do campus de
Lugo, Pablo Ramil; o deputado provincial delegado das áreas de
Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación
de Lugo, Mario Outeiro; o director da Escola Politécnica, Javier
Bueno, e ao director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago
Moreno, amais dos profesores Juan Ortiz e Mariluz Gil, promotores do
campionato de modelado 3D de precisión con móbil.
O
deputado provincial Mario Outeiro subliñou que esta competición
permite tamén dar visibilidade á lingua galega, ao tempo que
precisou que a colaboración da Deputación de Lugo neste proxecto
“pretende corrixir, ou cando menos combater, algunhas das medidas
contempladas na LOMCE, que reducen a presenza da Tecnoloxía no
ensino secundario, así como a decisión da Xunta de reducir o
emprego do galego no ensino de materias de índole científica”.
Pola
súa banda, o director do proxecto -Juan Ortiz- explicou que o
calendario do campionato apenas experimenta cambios respecto da
pasada edición. A inscrición permanecerá aberta até o 31 de
xaneiro de 2014 na páxina
web e as tres probas previstas desenvolveranse
desde febreiro a abril. No mes de maio abrirase o prazo de votacións
dos traballos presentados para logo dar a coñecer as distintas
equipas gañadoras ao longo do mes de xuño.
Outra
das novidades adiantadas polo director da D3mobile Metrology World
League é que nesta segunda edición o campionato de modelado 3D con
móbil contará cun padriño de honra, un persoeiro coñecido a nivel
internacional, sobre todo entre o público xuvenil e que, se as datas
o permiten, estará presente na cerimonia de entrega de
premios.
Por último, cómpre
sinalar que este
proxecto está promovido polo grupo de investigación para a
documentación en 3D da USC, coordinado pola profesora Mariluz Gil
Docampo e conta cun amplo abano de colaboradores: a Escola
Politécnica da USC, a Consellería de Cultura, Educación e
Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación
Provincial de Lugo, a Fundación Vodafone España, os gobernos de
Navarra e Castela e León, amais de asociacións de pais, colectivos
docentes, centros de ensino secundario e empresas do eido
tecnolóxico.