O novo delegado da Xunta na Coruña coñece de primeira man o proxecto intelixente de CONGALSA

mércores, 11 de novembro do 2020 Sonia Pena

O novo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou na mañá deste mércores 11 de novembro as instalacións de CONGALSA na Pobra do Caramiñal, onde foi recibido á súa chegada polo director xeral da compañía, Luis Miguel Simarro, e a directora de Relacións Externas, Isabel Cañas. Durante a súa estadía na sede de CONGALSA, Trenor tivo oportunidade de coñecer detalles do proxecto de fábrica intelixente da empresa, denominado CONGALS4.0, que está a día de hoxe en execución e que ten o remate previsto para 2022.
O proxecto, como lembraremos, ten a súa orixe na selección da empresa pobrense para formar parte da terceira edición do Programa Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é favorecer o avance do tecido industrial galego cara a modelos máis eficientes, sustentábeis, innovadores, mellor xestionados e intelixentes. A compañía desenvolve CONGALS4.0 en colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), ao abeiro dunha convocatoria subvencionada e impulsada pola Axencia Galega de Innovación, GAIN, e co-financiada con cargo a fondos europeos FEDER.
Durante a visita do delegado, o director xeral da compañía, Luis Miguel Simarro, aproveitou para pór en valor que o proxecto CONGALS4.0 axudará á empresa “a ser un dos tractores do cambio no sector alimentario galego”, promovendo o desenvolvemento “dun modelo fabril intelixente e hiperconectado”.

PUBLICIDADE