O novo regulamento do CITIC crea un comité científico e un comité asesor externo

martes, 12 de xuño do 2018 Redacción

O Consello do Goberno da Universidade da Coruña aprobou o pasado mes de maio o novo regulamento do Centro de Investigación TIC, o CITIC. Neste novo marco de actuación, que regula o funcionamento do centro como “estrutura organizativa propia da UDC”, inclúese como principal novidade a posta en marcha dun comité científico e un comité asesor externos. O primeiro está formado por polo menos un investigador principal dos grupos do CITIC e o director e subdirector do mesmo, sendo a súa finalidade “debater aspectos operativos de tipo científico e de transferencia desenvolvidos no centro”.
Pola súa banda, o comité asesor externo está integrado por media ducia de investigadoras e investigadores referenciais do ámbito estatal e internacional, pertencentes a institucións independentes da UDC no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). O seu cometido será asesorar nas liñas de investigación e a estratexia de medre do centro, así como da súa visualización a todos os niveis, mesmo, por suposto, as redes.
Os membros do comité asesor externos son os seguintes: Geert Molenberghs (procedente da Hasselt University, Katholieke Universiteit te Leuven, Belgium, é o actual director do Biostatistics and Statistical Bioinformatics Centre, L-BioStat), Nuria Oliver (de Vodafone España, é enxeñeira de Telecomunicacións e doutora polo Media Lab do MIT e posúe ampla experiencia en modelos computacionais de comportamento humano, interacción home-máquina e información a gran escala para fins sociais, entre outros eidos), Petia Radeva (experta no ámbito do procesado de imaxe e intelixencia artificial, a día de hoxe é coordinadora do Laboratorio de Computación Percepcional da Universidade de Barcelona e directora do Laboratorio de Imaxe Médica, o MILab, do Centro de Visión Computacional), Javier Rodríguez Fonollosa (é enxeñeiro de Telecomunicacións e profesor da Universitat Politècnica de Catalunya, e de 2010 ata 2014 coordinou a área de Tecnoloxías Electrónicas e da Comunicación do Plan Nacional de Investigación do MINECO), Asunción Gómez Pérez (procedente da Universidade Politécnica de Madrid, onde é vicerreitora de Investigación, Innovación e Doutoramento, amais de catedrática, ten ampla bagaxe en Enxeñaría Ontolóxica, Web Semántica ou Multilingüismo en Datos) e Francisco Tirado Fernández (catedrático de Arquitectura e Tecnoloxías de Computadores no Departamento de Arquitectura de Computadores e Automática da Universidade Complutense de Madrid, foi coordinador da ANEP e xestor do Plan Nacional de I+D, vicerreitor de Investigación e Director do Centro de Supercomputación da Universidade Complutense de Madrid e director do Parque Científico de Madrid).

PUBLICIDADE