O obradoiro de emprego Appventures deixa en Santiago tres aplicacións de Realidade Virtual
martes, 1 de outubro do 2024
O obradoiro de emprego Appventures, impulsado polo Concello de Santiago para mellorar a formación da xuventude local en materia de novas ferramentas de comunicación e información, chegou ao seu remate logo de doce meses de traballo e formación avanzada.
Fíxoo, por unha banda, coa entrega de diplomas aos mozos e mozas participantes, e, pola outra, coa presentación das apps desenvolvidas polo alumnado ao longo da súa estadía no programa: tres aplicacións móbiles de Realidade Virtual sobre a Praza de Abastos e a senda peonil de Sar que se desenvolveron ao abeiro do programa, e que se suman á aplicación xa presentada e en funcionamento desde o pasado mes de agosto sobre o Museo do Pobo Galego.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presidiu este 1 de outubro o acto de entrega de diplomas, no que tamén participou o director territorial de Emprego na Coruña, Juan José Couce. A tenenta de alcaldesa loou o traballo feito polo alumnado "que nos deixa unhas aplicacións de alto nivel, mostra de todo o aprendido e de que os mozos e mozas están preparados para que esta sexa a súa actividade profesional nun futuro". María Rozas salientou que estes obradoiros de emprego "son proveitosos para o alumnado pero tamén para o conxunto da veciñanza, que recibe valiosas herdanzas como as apps que hoxe presentamos, que serven para poñer en valor e para que coñezamos mellor e doutra maneira espazos moi salientables de Santiago".
O programa Appventurers combinou a formación co traballo, de maneira que o alumnado recibiu formación ao tempo que estaba contratado para realizar un traballo real.
A primeira das aplicacións, PoboAR, permite explorar o Museo do Pobo Galego, con Rosalía de Castro e Castelao como guías virtuais, encargados de explicar os diferentes espazos expositivos.
A segunda ferramenta creada polo alumnado do obradoiro de emprego leva por nome PraceAR, e ofrece información sobre os produtos á venda no mercado, curiosidades sobre a Praza de Abastos, e información con vídeos exclusivos sobre a historia do mercado.
Por último, desenvolveuse SAR, unha aplicación móbil que pretende converter nunha aventura o paseo pola senda do Sar. Para iso, hai que escanear as imaxes dos pictogramas agochados pola senda, cada un deles dedicado a unha personaxe convidada ao Banquete de Conxo, como Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Luís Rodríguez Seoane. Cada un deles dará unha pista para atopar o seguinte pictograma e, a maiores, a app inclúe unha función “mapa”, cun xogo de geocaching que consiste en atopar uns “caches”, un recipiente que contén un caderno no que cada quen pode rexistrar a súa visita. Ao respecto desta aplicación, María Rozas salientou que “este traballo é case pechar un círculo, porque a senda do Sar e o Banquete de Conxo foron tamén acondicionados ao abeiro dun obradoiro de emprego”.
Appventurers é un programa de emprego destinado a persoas mozas incluídas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, co-financiado polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 ao 60%. O programa contou cun orzamento de 424.836,96 euros.