O operador galego R pecha 2006 cun aumento dos beneficios do 219% con respecto ás cifras do ano anterior
mércores, 17 de xaneiro do 2007
Como cada ano, o operador galego R olla cara a
atrás e fai reconto do acadado, tanto no que se refire a facturación e
beneficios como no que atinxe ó grao de cobertura da súa rede de fibra óptica
en Galiza. A presentación dos datos perante os medios informativos celebrouse
este mércores na sede de R na rúa Real da Coruña, e todo indica que existen
razóns para o optimismo, tanto para a propia firma respecto do seu futuro como
para o despregue da infraestrutura de seu, que semella lonxe do estancamento.
Foi alí, na sede de R, onde se fixo saber o seguinte dato: a
empresa vén de pechar 2006 cun beneficio antes de impostos de 12,7 millóns de
euros, o que significa un incremento de case un 219% con respecto ó ano
anterior. Asemade, a operadora acadou un beneficio neto de 8,6 millóns (estando
pendente a auditoría e o axuste ó novo modelo fiscal do estado), o que
representa un 132% máis có ano pasado. As razóns deste crecemento? A xuízo da
empresa galega hai que rastrexalas no apoio dos clientes na nosa terra e
posiblemente “na estrutura de custos máis
lixeira do sector en España”. A firma, que tamén destaca en rendibilidade
por enriba dos restantes operadores de telecomunicacións do estado, achegoulles
ós medios información sobre cobertura en Galiza e planes a curto e medio prazo:
· Na nosa terra, a rede de R ten xa unha
cobertura de 578.644 fogares e empresas, sendo 1.200.000 as persoas que poden
recibir os servizos potencialmente. Os domicilios e oficinas clientes de R eran
199.467 ó peche de 2006.
· A gran previsión da empresa é chegar ó 60%
dos galegos nun prazo de dous anos. Neste senso, o investimento acumulado do
operador en Galiza sitúase a rendes dos 700 millóns de euros. Así, segundos
datos da firma galega nun informe recente, ás trinta localidades que xa teñen
rede de fibra óptica e servizos de R (en 2006 foi habilitada en once
concellos), a empresa galega vai sumar en 2007 outras dez: Lalín, Ponteareas,
Sanxenxo, Moaña, Bueu, Cedeira, Ordes, As Pontes, Chantada e Xinzo de Limia.
Ademais, o operador confía en acadar nas
primeiras semanas de deste ano en curso a licenza para comezar as tarefas de
despregue en Ponteceso, Boiro, Allariz e O Grove. Asemade, segundo apunta R,
está previsto que nestes catorce núcleos de poboación se conecten á
infraestrutura do operador preto de 59.000 vivendas e locais empresariais.
Estas e outras cifras foron comentadas durante a presentación por Arturo Dopico, conselleiro delegado: “Os resultados de 2006 ratifican a liña de crecemento e consolidación da empresa con Galicia. O esforzo continuo dos profesionais e empresas que traballan no proxecto de R acadaron a implantación duns servizos de gran calidade e unha salientable eficacia nos custos, o que permite xa que se recuperen os importantes investimentos precisos para construír esta rede de fibra óptica”. E engadiu, facendo referencia ó apoio dos galegos a unha empresa da súa terra: “Por sorte, os fogares e empresas de Galicia están a respaldar de xeito maioritario esta aposta, elixindo a calidade e prestacións desta nova infraestrutura fronte ó resto das opcións que non apostaron por desenvolver unha nova rede”.