O orzamento de GAIN ascende a 120 millóns de euros para 2025

venres, 8 de novembro do 2024 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, compareceu este xoves 7 de novembro na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia para presentar as contas do seu departamento para o ano 2025. Cotelo sinalou que GAIN disporá dun orzamento de preto de 120 millóns de euros para “consolidar en Galicia un ecosistema de innovación aberta capaz de revitalizar os sectores produtivos”. Empregarase a fórmula do crecemento intelixente baseado na ciencia e no coñecemento “que permita xerar emprego de calidade”.
A directora de Innovación apuntou que este orzamento medra un 14,4% respecto de 2024, “consolidando un crecemento continuado desde 2014”.
No centro da política de I+D+i estará “o programa de talento”, en liña coa prioridade posta nas persoas pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 21-27. A lanzar novas actuacións e consolidar outras que xa teñen demostrado grande impacto en todas as etapas da carreira investigadora, destinaranse 11,8 millóns de euros. Seguindo este fío, manteranse as axudas ás etapas predoutoral e posdoutoral, para apoiar a súa formación nas etapas iniciais; os doutoramentos industriais, para posibilitar a contratación de estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos para desenvolver a súa tese nunha contorna empresarial; á consolidación dos grupos de investigación, e á xeración, atracción e retorno do persoal investigador excelente e fomento da excelencia a través do programa Oportunius. Ademais, lanzaranse medidas de posicionamento internacional do ecosistema galego de I+D+i para potenciar a atracción e retorno de talento.
Por outra banda, fortaleceranse as infraestruturas de computación de altas prestacións e dotarase de novas infraestruturas en tecnoloxías cuánticas para atender as necesidades do ámbito científico. Así, co fin de ampliar as infraestruturas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e situalo como un centro de referencia a nivel europeo e internacional destinaranse 56 millóns de euros no proxecto global.
De xeito complementario, sinalou Cotelo, seguirá fortalecéndose o sector das tecnoloxías cuánticas mediante o desenvolvemento de distintas iniciativas no marco da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas que lidera a Xunta. “As tecnoloxías cuánticas teñen un grande potencial transformador doutros sectores, así como de impulsar un ecosistema forte neste eido, algo que se considera fundamental para impulsar o avance científico e económico de Galicia”, engadiu.
Ademais, a Axencia Galega de Innovación destinará 15,2 millóns de euros ao financiamento dos centros tecnolóxicos, fundacións de investigación sanitaria e organismos públicos de investigación galegos, a través de varias liñas de apoio: contratos programa para financiar os seus custos estruturais, fortalecemento das infraestruturas e equipamentos dos centros tecnolóxicos para mellorar a súa excelencia, e a apoiar a construción dos centros de investigación empresarial en marcha, como Borgwarner en Nigrán e Mestrelab en Santiago de Compostela.
A Consellería tamén seguirá “reforzando a transferencia dos resultados da I+D+i ao mercado como factor de competitividade”. Así, no marco do programa Ignicia seguiranse desenvolvendo actuacións para impulsar o potencial dos profesionais da transferencia. Ademais, implementaranse novas accións como un Plan de apoio aos organismos de investigación da Xunta na valorización e protección dos seus resultados e experiencias piloto de colaboración entre universidades e centros tecnolóxicos na comercialización dos resultados.