O pleno de Muller e Ciencia programa un plan de actividades que mellore os indicadores de igualdade no ámbito tecnolóxico

venres, 2 de outubro do 2009 Raquel Noya

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, en compañía do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro e do director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, entre outros membros do pleno da Unidade de Muller e Ciencia, veñen de reunirse esta mesma mañá co obxectivo de programar as liñas de actuación a seguir no 2010 no tocante á mellora dos indicadores de igualdade nos ámbitos social, científico, tecnolóxico e educativo.
Para o deseño deste plan de actuacións do vindeiro ano, os asistentes resolveron elaborar un informe de situación, o cal será elaborado por parte do persoal técnico das tres áreas da Xunta de Galicia que forman parte da Unidade de Muller e Ciencia.
Os membros desta unidade, que ten como finalidade promover actuacións desde a perspectiva de xénero nos ámbitos social, científico, tecnolóxico e educativo, dinamizando e transformando a ciencia e a tecnoloxía en Galicia, destacaron a súa vontade de coordinar os seus departamentos para aunar esforzos e recursos, “para concitar á comunidade universitaria e científica a mellorar os indicadores de igualdade entre mulleres e homes e a desenvolver actuacións desde a perspectiva de xénero”.
Deste xeito, durante a xuntanza de traballo, o pleno acordou elaborar un informe que detalle a situación e as áreas de traballo de cada unidade para posteriormente proceder a coordinalas e deseñar o programa de actuacións do próximo ano.Do mesmo xeito, os membros da Unidade de Muller e Ciencia, debateron as posibles candidaturas para o premio María Josefa Wonenburger Planells, destinado a recoñecer e visibilizar a traxectoria relevante de mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía. O propio premio pretende ser unha homenaxe á figura da matemática coruñesa María Wonenburger Planells, muller nacida no 1927. Por último, anunciouse no pleno a próxima edición do número 3 da revista Xenia.