O presidente da Xunta destaca o potencial internacionalizador do sector TIC galego

martes, 12 de maio do 2015 Redacción

Durante unha visita esta tarde ás novas oficinas de Redegal, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacou as capacidades do sector tecnolóxico galego e a súa apertura ao exterior (a metade da súa facturación provén de fóra de Galicia) e engadiu que as compañías do sector TIC son unha mostra das empresas que configuran o modelo económico galego; “empresas que se caracterizan pola súa elevada cualificación, capacidade de exportación e capacidade para mellorar a súa propia produtividade e do resto das empresas do país”.
Feijoo subliñou que este sector, co seu elevado valor engadido axuda aos sectores primario e secundario a modernizarse e facerse máis áxiles e eficientes; e perfecciona o xeito no que o sector servizos se relaciona cos seus usuarios, facendo a interacción entre empresas e clientes máis proveitosa para ambos os dous, “porque as tecnoloxías diminúen os custes e incrementan a eficacia e a eficiencia das empresas”.
Durante a súa intervención o presidente da Xunta puxo en valor a apertura e internacionalización das empresas galegas e fixo fincapé na importancia do compromiso coas empresas TIC, reflectido na Axenda Dixital 2020, destinada a completar a incorporación de Galicia ás novas tecnoloxías en todos os eidos. Unha iniciativa que permitirá, en definitiva, abordar todas as frontes necesarias para que Galicia conte completamente cunha administración dixital; para que os servizos públicos dispoñan tamén das últimas tecnoloxías; para que a recuperación se apoie tamén nas TIC; para que o sector siga consolidándose como estratéxico en Galicia e para que todos os galegos podan acceder á rede, vivan onde vivan.
Nesta mesma liña, lembrou que o 20,6% das empresas galegas de dez ou máis traballadores venderon a través da Internet, unha cifra que se sitúa por riba da media estatal.