O programa Girl STEM entrevista a Rocío Martínez Núñez

xoves, 26 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Esta semana Girl STEM conversa con Rocío Martínez Núñez, investigadora no King´s College de Londres, desde onde conseguiu impulsar xunto a outros catro compañeiros unha operación público-privada que trouxo a España a pasada primavera máquinas capaces de analizar 2.400 test de PCR ao día.
Esta entrevista, realizada por Noa Orizales, directora da empresa galega Contidos Dixitais, salienta a forte vinculación de todos os campos da investigación co big data e as claves que se manexan no campo da biomedicina, nun momento crucial na investigación sobre a COVID-19.
AGASOL e a Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, continúan así este ciclo de conversas, enmarcado no Plan de Promoción do Talento Dixital da AMTEGA, que busca a reducir a fenda de xénero que existe entre mulleres e homes nos estudos nos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas).
Nesta edición, o programa Girl STEM transfórmase nunha acción totalmente dixital e pedagóxica para adaptarse ás circunstancias impostas pola covid-19 e para avanzar cara dinámicas máis eficaces que acheguen recursos cos que traballar de forma transversal nas aulas de todos os centros de ensino de Galicia.
Así, AGASOL fará chegar aos centros de ensino galegos a conversa con Rocío Martínez Núñez en formato de pílula audiovisual, acompañada dunha unidade didáctica, coas súas biografías, a explicación dos seus traballos e os proxectos que están a desenvolver.
O vindeiro 3 de decembro, o programa Girl STEM publicará a conversa coa referente Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e experta en intelixencia artificial, que será entrevistada por Luz Castro.

Entrevista a Rocío Martínez no marco do programa Girl STEM

PUBLICIDADE