O programa HANA planta nos nosos colexios a semente das vindeiras carreiras aeroespaciais

luns, 5 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Entre as cousas presentadas na pasada edición (a oitava) do evento Laconnetwork, na Coruña, brillaron con luz propia iniciativas como o Programa Especial Hamsternauta (HANA), un proxecto que permite aos centros de educación secundaria converter ao seu alumnado en novos enxeñeiros aeroespaciais, fornecendo aos estudantes de recursos para enviar fóra da Terra un dummy-hámster coa axuda dunha sonda e un globo meteorolóxico. O certame, que tamén é un concurso (trátase de ver que equipo acada a misión máis completa), vén da man das startups da Asociación Galega de Innovadores en TICs, entre as que se contan Fitting Pup, Lupeon, IPglobal, APDTIC, Confirmsign, Mememtum, Taniwa, Filament2print, Tuco Systems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin. Tamén participa (patrocinando) a rede de academias Tokio School. Na presentación celebrada o 2 de febreiro na oitava Laconnetwork concorreron tamén estudantes do CEIP de Laredo, que será o centro piloto do certame.
O obxectivo desta iniciativa é “promover desde idades temperás o talento humano en áreas necesarias para a xeración de coñecemento, como son as novas tecnoloxías e a investigación científica. En palabras de Claudio Freijeiro, responsábel de formación de Tokio School, “é unha oportunidade moi boa para que os nenos traballen nun ámbito que até hai poucos anos estaba reservado para uns privilexiados e que non se inclúe nos programas formativos tradicionais”.
Na presentación fixo de mestre de cerimonias Frankie Gómez, co-impulsor de HANA, quen sinalou que o proxecto “xorde cun carácter transxeracional para que nuns anos os alumnos que comecen con esta experiencia poidan asesorar e tutelar a outros nenos e que estes xoguen a superar os retos das misións anteriores”. A fórmula da que se bota man, sinalaron, é unha fórmula “dinámica, divertida e aplicada á realidade”, procurando en todo intre que o alumnado coñeza a pegada e as oportunidades que presenta a tecnoloxía aeroespacial e dixital actual. Ou sexa, as oportunidades que subministran eidos como a información a gran escala (Big Data), a intelixencia artificial, a robótica ou a programación.
O proxecto, explicaron, tamén quere ser un reclamo co que apreixar a curiosidade científica da rapazada. “A investigación científica e as novas tecnoloxías avanzan a pasos axigantados”, apunta Andrea Magán, directora de Proxectos en Tokio School, “e é preciso que os nenos sexan conscientes, porque deles dependerá o futuro”.

O CEIP Laredo, centro piloto

Na presentación de HANA tamén puidemos saber que o CEIP de Laredo (Chapela, Redondela) foi seleccionado como centro piloto para levar á practica o devandito proxecto educativo e aeroespacial. Na cita da Coruña participou o alumnado de quinto e sexto do centro pontevedrés, na gala de presentación oficial celebrada en PALEXCO e na compaña do impulsor do certame, Frankie Gómez. O CEIP valorou moi positivamente as posibilidades de desenvolvemento científico e tecnolóxico que se abren coa iniciativa: “Teremos á nosa disposición recursos e materiais para poder montar a nosa sonda espacial cun globo aeroestático totalmente equipado así como a posibilidade de poder lanzalo lonxe...moi lonxe nun campus científico; ao que cómpre engadir a participación en exercicios de gravidade, aceleración, impacto, temperatura, etc”.

Como lograr a mellor misión?

A clave para acadar a misión máis completa e as mellores valoracións do xurado ao abeiro de HANA reside nas seguintes tarefas: ensamblaxe de compoñentes informáticos con programacións sinxelas, adestramento do Hamster, cálculos de gases, aceleracións, deceleracións, xeolocalización e “unha longa listaxe de posíbeis investigacións tan reais como as que até hai moi pouco só eran posíbeis para as axencias espaciais”.
Como dixemos, os instrumentos básicos a empregar son un globo meteorolóxico e unha sonda desenvolvida polos propios escolares. A súa misión consistirá en recuperala e manter con “vida” o seu boneco-hámster, polo que terán que avaliar ao detalle cada fase do proxecto.
A xeito de respaldo tecnolóxico, achegando a súa bagaxe, as empresas da dita asociación (asiduas dende hai oito anos ao evento Laconnnetwork, estreitando ligazóns e xerando colaboracións) subministrarán dende diferentes áreas de actividade os elementos técnicos, os coñecementos en programación e as sinerxías precisas para que este proxecto colectivo se converta en éxito.
Entre estas firmas innovadoras atópanse como dixemos Fitting Pup, adicada a facer seguimento da saúde das mascotas (será a encargada de prover o dummy e a sonorización do hámster); Lupeon ou IPglobal, que interveñen fornecendo de compoñentes de impresión 3D ou aditiva, así como compoñentes tecnolóxicos de última xeración, entre os que se contan sensores, placas e sistemas de alimentación para que os enxeños soporten os menos de setenta graos que pode acadar a sonda a 30.000 pés de altura (unha altura dúas veces máis grande cá aquela na que adoitan voar os avións). Tamén contribuirán ao proxecto APDTIC, Confirmsign, Mememtum, Taniwa, Filament2print, Tuco Systems, Primate, Cactus Digital ou Imaxin.
Para elixir o proxecto gañador, teranse en conta aspectos como o investimento en compoñentes, o número de participantes por grupo, cantos mozos e mozas concorren no grupo, os experimentos e cálculos realizados antes da misión, o grao de colaboración con outros equipos, se é a súa primeira sonda ou é un reincidente, etc. “En resumo”, lembraron dende a organización, “trátase dunha verdadeira carreira espacial divertida para nenos, pero coma nos anos sesenta”.
Como parte do proxecto está previsto realizar un campamento científico a finais de curso cos colexios que finalicen as sondas onde expertos de diferentes áreas darán o visto e prace definitivo aos lanzamentos. Aqueles que consigan un maior éxito da misión, poderían gozar dunha viaxe ás instalacións da NASA ou a unha das axencias espaciais da nosa contorna.

PUBLICIDADE