O programa Innovación e Talento Novo celebrou o seu Demo Day

mércores, 8 de xullo do 2026 Redacción

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no Demo Day do Programa Innovación e Talento Novo, unha iniciativa impulsada pola Xunta a través da Rede de polos de emprendemento, a plataforma U4impact e as universidades públicas galegas. Durante o acto, celebrado no Centro de Orientación ao Emprendemento, salientou os catro proxectos desenvolvidos polo estudantado participante e destacou o valor da colaboración entre o ecosistema emprendedor e o ámbito universitario para impulsar solucións innovadoras con impacto real.
Entre as iniciativas presentadas cómpre destacar un proxecto que abordou a automatización da xestión das comunicacións con provedores loxísticos e de mantemento, desenvolvido por alumnado do Grao en Enxeñería Informática xunto con Mvico Experience.
Durante a presentación dos proxectos colaborativos, emprendedores da Rede de polos de emprendemento implicados nas iniciativas compartiron a súa experiencia e puxeron de relevo a importancia do talento novo e da cooperación co ámbito universitario. A xornada rematou cun espazo de networking destinado a favorecer novas conexións e futuras colaboracións.
O programa promovido pola Xunta, U4impact e as universidades públicas galegas pechou así unha nova edición dirixida ao alumnado que realizou o Traballo de Fin de Grao (TFG) durante o curso 2025-2026. A iniciativa buscou ofrecer un itinerario formativo compatible co último ano de carreira e facilitar as primeiras oportunidades profesionais mediante proxectos emprendedores desenvolvidos en colaboración coa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.