O programa Investigo refórzase con 738.000 euros adicionais

martes, 8 de xullo do 2025 S. P.

A Xunta anunciou o fortalecemento do programa Investigo, destinado a fomentar a contratación de mozas e mozos como investigadoras/es, tecnólogas/os, persoal técnico e outros perfís relacionados coa I+D. Faro coa redistribución de 738.000 euros adicionais ás pemes. A orde ten dúas modalidades: unha para pequenas e medianas empresas e outra para centros de investigación e esta redistribución realízase co crédito sobrante dos centros de I+D+i, unha vez pechado o prazo de solicitudes o pasado mes de marzo e atendidas as solicitudes.
O programa Investigo está dotado con máis de 4,8 millóns de euros e vén da man da Axencia Galega de Innovación, GAIN. 
A redistribución nesta iniciativa permite abrir un novo prazo de presentación de solicitudes, que será desde este 9 de xullo ata o 8 de agosto de 2025, e isto posibilitará a contratación de 33 novas persoas mozas por parte de empresas que estean a desenvolver iniciativas de investigación e innovación. Estas persoas sumaranse ás preto de 130 contratadas xa este ano ao abeiro da convocatoria.
As persoas beneficiarias —de entre 16 e 30 anos— deben estar en situación de desemprego. As axudas oscilan entre os 22.405,92 e os 33.108,84 euros por persoa, en función do módulo aplicado, cubrindo os custos laborais e salariais. Os contratos son indefinidos e a tempo completo, cun período máximo subvencionado de 12 meses.
Ademais deste reforzo do programa investigo, tamén está prevista a ampliación en máis de 468.000 euros do crédito da orde da iniciativa de primeira experiencia profesional (aberta ata o 30 de setembro) co obxectivo de atender o maior número posible de solicitudes e contribuír á retención do talento da mocidade en Galicia, ao tempo que se atenden as demandas do tecido empresarial.
A orde foi publicada este 8 de xullo no DOG.