O programa +Reto Dixital retoma a súa actividade en Vilanova de Arousa

luns, 18 de agosto do 2025 Redacción

A Deputación de Pontevedra retoma este xoves en Vilanova de Arousa a programación dos case 70 obradoiros de capacitación tecnolóxica do programa +Reto Dixital. A iniciativa busca formar persoas maiores de 50 anos da provincia para favorecer o seu acceso aos servizos da Administración pública, aumentar a súa autonomía na xestión de trámites cotiáns e mellorar a súa calidade de vida mediante a adquisición de competencias dixitais.
En Vilanova de Arousa, unha ducia de alumnos participarán desde este xoves no curso Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA, que se desenvolverá na Aula CeMIT do Concello en dúas sesións, o xoves 21 e o venres 22, de 9:30 a 12:00 horas. Este curso é un dos tres concedidos ao municipio dentro de +Reto Dixital, xunto con Uso da banca móbil e as compras electrónicas e As redes sociais.
O programa, dotado cun orzamento de 30.000 euros, abrangue 23 concellos da provincia catalogados como de reto demográfico. Os obradoiros xa se puxeron en marcha en Mondariz, A Lama, Meis e Vilanova de Arousa, e continuarán en Pontecesures, Salceda de Caselas, Portas, Salvaterra de Miño, Rodeiro, Caldas de Reis, Silleda, Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Arbo, Barro, Sanxenxo, Meaño, O Rosal, Bueu, Dozón, Catoira e Ribadumia.
A través desta proposta, a Deputación de Pontevedra reforza o seu compromiso coa inclusión dixital e co benestar das persoas maiores de 50 anos nos concellos de reto demográfico. En total, ofertáronse cinco cursos (A Administración electrónica, A Sede electrónica da Deputación e do meu Concello, Sergas, a súa aplicación electrónica e TELEA, Uso da banca móbil e as compras electrónicas e As redes sociais), todos eles cun módulo inicial centrado na seguridade no uso de medios electrónicos e da Internet.