O proxecto Iberlongeva reivindica a IA como factor de envellecemento saudábel
martes, 17 de decembro do 2024
O Campus de Ourense acolle hoxe o lanzamento de Iberlongeva, un programa de Intelixencia Artificial para promover o envellecemento saudábel da poboación de territorios de Galicia, Castela e Portugal e no que traballan as universidades de Vigo, Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança. A través deste proxecto estudarase a fraxilidade da poboación de máis de 60 anos na zona transfronteiriza e desenvolveranse ferramentas destinadas a fomentar a saúde preventiva e aumentar a esperanza de vida saudábel.
Porase o foco en contornas transfronteirizas de Ourense, Zamora, Lugo e Pinhal Interior Sul, que figuran entre as máis envellecidas de Europa. Esta tendencia, sinalan, agrávase en áreas rurais, onde algunhas localidades xa experimentan un "sobre-envellecemento": ata un 50% dos habitantes superan os 65 anos en municipios de Lugo e Ourense.
Liderado polo Centro Internacional de Estudos sobre Longevidad y Sociedades Longevas da Fundación General da Universidad de Salamanca, en Iberlongeva participa por parte da Universidade de Vigo dun equipo formado por persoal docente e investigador da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Facultade de Dereito, a Facultade de Educación e Traballo Social e a Escola Universitaria de Enfermaría. Tamén son socios a Escola Universitaria de Enfermería de Zamora e as Escolas Superiores de Saúde e de Educação de Bragança (Portugal). O proxecto conta cunha axuda de 1.734.759,52 euros concedida polo Programa de Cooperación Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).
A través desta iniciativa “búscase desenvolver un sistema dixitalizado baseado en Intelixencia Artificial que facilite ás persoas tomar decisións informadas sobre a súa saúde, converténdoas en protagonistas da súa lonxevidade”. A crecente xeración de datos de saúde, sinalan desde o proxecto, expón o reto de interpretar eficazmente esta información, e neste contexto Iberlongeva pretende ofrecer solucións innovadoras para abordar este desafío.
Buscarase obter por primeira vez “unha radiografía da fraxilidade na poboación tanto urbana como rural” do territorio que abrangue. Os datos obtidos servirán para educar e promover prácticas de vida saudables na eurorrexión transfronteiriza entre España e Portugal. Así, o proxecto orientará os seus esforzos cara a investigación aplicada, analizando hábitos de vida e desenvolvendo estratexias innovadoras, identificadas mediante unha análise, baseada en IA, para integrar, interpretar e optimizar os datos de saúde vinculados ao envellecemento.
Iberlongeva, indican desde a súa organización, é un proxecto pioneiro que bota a andar “co propósito de sensibilizar e capacitar á poboación en hábitos que favorezan un envellecemento pleno e activo, ao mesmo tempo que contribúe a xerar coñecemento científico sobre a fraxilidade, e canalizar devandito coñecemento cara a prevención, contribuíndo por tanto a reducir a presión sobre os sistemas de saúde pública”.
O proxecto será lanzado este martes pola tarde nunha xornada que terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense e na que participarán Mónica de la Fuente, catedrática de Fisioloxía da Universidad Complutense de Madrid; Óscar González Benito, director da Fundación General da Universidad de Salamanca e coordinador institucional de Iberlongeva, e Juan Martín, director do Centro Internacional de Estudos sobre Longevidad y Sociedades Longevas.