O proxecto Interferencias EL/LA chega a Cee para xuntar na Rede testemuños sobre igualdade de xénero

luns, 15 de xuño do 2026 S. P.

A igualdade de xénero é o eixo sobre o que xira o proxecto artístico e multimedia Interferencias EL/LA, que chega estes días ao municipio de Cee, unha proposta procesual, participativa e interdisciplinar que está a percorrer diferentes territorios do país a través de testemuños cidadáns, instalacións con códigos QR, proxeccións audiovisuais e accións performativas.
Detrás desta acción atopamos a Artes Visuais, con Maya Marja Jankovic á fronte, o proxecto conta con financiamento da Secretaría de Estado de Cultura dentro do Plan Xeral de Dereitos Culturais do Ministerio e o apoio do Concello de Cee e a súa alcaldesa Margot Lamela Louzán, e da Universidade de Santiago de Compostela, a través de Eva López. A acción desenvólvese estes días en diferentes fases abertas á participación da cidadanía.
Interferencias EL/LA parte dunha investigación vinculada á lexislación actual, á cultura popular e ás memorias colectivas. A través de conversacións distendidas e entrevistas documentais, o proxecto recolle testemuños persoais sobre identidade, xénero e experiencia vital, xerando un arquivo audiovisual que posteriormente se vincula a códigos QR integrados no espazo público.
Durante a súa estancia en Cee, o proxecto está a desenvolver sesións de escoita activa, xénero e identidade, así como xornadas de gravación documental con veciñas e veciños do municipio. Estas sesións forman parte do proceso de construción colectiva da obra, no que a cidadanía participante é parte fundamental do proxecto.
Alén disto, o martes 16 de xuño, ás 21 horas, o Auditorio da Casa da Cultura de Cee acollerá a presentación e as proxeccións audiovisuais do proxecto Interferencias EL/LA, dentro do proceso de activación artística e documental que estes días se está a desenvolver no municipio.
Indo ao proxecto Interferencias, dicir que se define como unha proposta multimedia procesual que aborda diferentes temas da sociedade contemporánea a través de metodoloxías participativas e contextuais. Establécese unha relación activa entre artista, participante e espectador, empregando o testemuño individual como ferramenta de construción colectiva e memoria social.
Interferencias EL/LA aspira a conectar diferentes municipios e territorios nacionais e internacionais mediante unha rede de interacción cidadá construída a través de arquivos audiovisuais e códigos QR instalados no espazo público. O proxecto xa pasou por diferentes municipios, entre eles Vilafranca (Castelló), e ao longo do ano continuará activándose en distintos puntos da xeografía española mediante novas intervencións, procesos participativos e accións vinculadas ao territorio e á memoria colectiva.