A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe o proxecto NACCE (Núcleo de Apoio á Competitividade e a Creación de Empresas TIC), que pretende paliar as debilidades do sector TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, tanto en cantidade de empresas, como en competitividade, como en internacionalización, e que prolongarase ata o 31 de decembro de 2012, para o que conta cun orzamento de 1,18 millóns de euros co financiados por fondos FEDER.
NACCE aposta pola creación dun núcleo de cooperación entre todos os axentes implicados no sector, para estimular a aparición de novas iniciativas empresariais, aumentar a competitividade das empresas existentes, e, consecuentemente, dinamizar o emprego. Entre os seus obxectivos están promover a economía do coñecemento, favorecer a xeración e a transferencia de profesionais cualificados e coñecemento a ambos lados da fronteira, superar a especialización produtiva desta zona nos sectores tradicionais, fomentar a internacionalización, a competitividade e o emprego, e impulsar a transferencia tecnolóxica entre as universidades e as empresas do sector.

NACCE consiste nunha plataforma colaboradora para a creación de empresas TIC, unha rede composta por socios e colaboradores que potenciarán a formación e asesoramento de PEME transfronteirizas co fin de ampliar a cifra de negocios e impulsar o seu crecemento, para o que crearase unha rede baseada en tecnoloxías web 2.0, que actuará como catalizador para o avance do sector ofrecendo os apoios e ferramentas necesarios para a internacionalización, o fomento do espírito empresarial e a orientación para implantar novas iniciativas.
O proxecto NACCE busca fornecer o emprendemento TIC na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
Compartir Este Artigo
