O proxecto Troya achegou coñecemento tecnolóxico a oito mozos e mozas de Down Lugo

mércores, 14 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

O Proxecto Troya, un programa de aprendizaxe e servizo promovido desde a Facultade de Administración de Empresas do Campus de Lugo xunto coa Asociación Síndrome de Down Lugo e o Servizo de Participación e Integración Universitaria (SPIU) da USC, pechou este martes 13 decembro as actividades formativas celebradas durante o último trimestre. Fíxoo cunha sesión de clausura na que participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a xerente da Asociación Síndrome de Down Lugo, Delfina Pérez, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón. Neste tempo, 8 mozos e mozas de Down Lugo melloraron a súa autonomía e habilidades en materia tecnolóxica e social.
O acto de peche deste proxecto social de formación e emprego con apoio, coordinado pola profesora Ángeles López Cabarcos e que recibiu financiamento da Deputación Provincial de Lugo, serviu para poñer de manifesto “a necesidade de habilitar mecanismos encamiñados a conseguir que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade, e que estas teñan igualdade de condicións”, sinalaron na sesión de clausura.
As dez sesións nas que se estruturou este módulo, subliñou a profesora López Cabarcos, permitiron traballar de xeito transversal obxectivos como a mellora da autoestima, a aprendizaxe de competencias en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e mesmo a adquisición de habilidades sociais. Os usuarios tamén permaneceron en contacto cos estudantes universitarios que actuaron como mentores, estableceron rutinas de estudo, aprenderon a relacionarse en novos ámbitos ou, entre outros logros, utilizaron o transporte urbano.
A clausura do Proxecto Troya permitiu a posta en común dos resultados obtidos. As persoas que completaron este período recibiron un diploma acreditativo en presenza de docentes e mentores, así como responsábeis empresariais participantes. A sesión chegou ao seu colofón coa apertura da mostra Emprego con Apoio. 20 anos loitando pola inclusión laboral das persoas coa Síndrome de Down e/ou Discapacidade Intelectual, que permanece aberta ao público no vestíbulo da Facultade.
Como dixemos, no acto tamén participou Pablo Rivera Capón, deputado provincial, quen destacou que "o emprego é a mellor política social". E neste senso, o proxecto Troya é un exemplo que "dá un salto cualitativo ó abrir os espazos da educación superior ás persoas con discapacidade intelectual", subliñou. Unha aposta, engadiu "moi intelixente" por converter a formación no cabalo de Troya "que permita vencer as reticencias que o mercado laboral aínda ten cando se trata de contratar ás persoas con capacidades diferentes".