O salón Pixel á Feira celebra con éxito o talento do videoxogo en galego

luns, 10 de novembro do 2025 S. P.

Pixel á Feira, o primeiro salón galego adicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia, celebrado esta finde en Santiago, no Palacio de Congresos, resultou finalmente un éxito de público, de repercusión e, tamén, de creatividade e talento.
A cita, organizada pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello, xuntou centos de seareiros do ámbito gamer procedentes de todos os recantos da xeografía galega e, tamén, deu acubillo a máis de 50 proxectos creados en Galicia (e presentados na feira en todos os seus detalles), a cifra máis alta ata o de agora nun encontro deste tipo.
Píxel á Feira, que nace coa vontade de converterse nun punto de encontro anual para a industria galega do videoxogo (“un espazo de intercambio entre profesionais, creadoras e creadores e público seareiro, amais dunha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego”, en palabras da Deputación), foi un escaparate de videoxogos históricos (como Daytona USA, Tetris Sonic Windjammers Mario Kart 8 DX Street Fighter 6 ou Super Woden GP), proxectos universitarios, propostas independentes e novas creación.
Entre os espazos máis visitados, ademais da zona gamer onde os visitantes puideron mergullarse en todo tipo de xogos clásicos, destacou a exposición do MUVI (Museo do Videoxogo de Galicia), que amosou vinte e dúas pezas senlleiras da historia do sector no nosa terra; e tamén foi moi salientable a Zona Interactiva, onde o público puido descubrir e xogar aos videoxogos que se están a facer hoxe en Galicia.
Ademais, o Escenario 1-1 acolleu máis de trinta actividades que conectaron industria, cultura e lecer, que se complementou cunha área empresarial (Zona Mercado) onde os asistentes puideron coñecer tendas, librarías, artistas e marcas vinculadas á cultura dixital e ao coleccionismo.
A cita foi inaugurada o sábado a primeira hora polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que acudiu na compaña da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e do comisario do evento, Iago Gordillo. Regueira salientou "a gran resposta do público desde as primeiras horas" e insistiu "na necesidade de que as persoas que traballan neste sector en Galicia conten con máis apoio administrativo para xerar un nicho de emprego de calidade".
Xa na xornada de tarde, Regueira participou na entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña. Os galardóns recaeron en Numbra, de DigiPen Europe-Bilbao, premio ao Mellor Videoxogo; Cartas á Lúa (Mail to the Moon), de Michiños Fofiños, na categoría de Mellor Apartado Artístico; e Basureroes: Invasion, de Javs Game Studios, premio ás Mellores Mecánicas.
O xurado estivo formado por Eva Farto, programadora e divulgadora galega recoñecida polo seu labor como podcaster; Ramón Méndez, docente e investigador da Universidade de Vigo, con máis de dúas décadas de experiencia na industria, e Isi Cano, doutora en Arte Contemporáneo, creadora e docente especializada en videoxogos e deseño multimedia.
Organizado pola Deputación da Coruña –que reafirma a súa vontade de impulsar unha industria en crecemento–, o foro converteuse nun punto de encontro entre público, profesionais e novas xeracións de creadoras e creadores.
Máis de cincuenta proxectos feitos en Galicia protagonizaron unha mostra que combinou exposicións, zona interactiva, charlas, concertos e torneos abertos a todas as idades.