Os ecos do peche de Megaupload continúan a escoitarse con forza, especialmente en España, onde fálase que había uns 2,5 millóns de usuarios do servizo, pero o máis destacable é a postura que están a adoptar outros servizos que permiten a publicación e descarga de ficheiros na Rede, que parecen temer seguir os mesmos pasos de Megaupload, o que os está a levar a adoptar medidas preventivas. Son especialmente rechamantes os cambios nos servidores de Fileserve e Filesonic, que agora só permiten descargar os ficheiros que subiramos nós mesmos (a xeito de nube persoal), co que cortarían de raíz o problema de pórse no punto de mira das industrias culturais que levaron ao peche de Megaupload (aínda que pondo de paso en perigo a súa supervivencia). Outros servidores como Upload.to bloquean o acceso ao servizo dende os EE.UU.; dende Uploadbox borrarán todos os contidos almacenados o vindeiro día 30; espazos como FileJungle, UploadStation ou FilePost cesan os seus programas de recompensas e eliminan boa parte das contas de usuario e ficheiros; x7.to botou o peche, 4shared cancela o seu programa de afiliados… en definitiva, que os principais servizos de descarga directa desaparecen ou van camiño de desaparecer, cando menos nun primeiro momento, agás a honrosa excepción de RapidShare, compañía que asegura ter un funcionamento moi distinto ao de Megaupload, e que manterá o seu servizo dando a cara como fixeron sempre. Daniel Raimer, voceiro de RapidShare, sostén que “a hospedaxe de ficheiros en si mesma é un negocio lexítimo” e precisamente por iso continúan con normalidade distintos servizos de copias de seguridade na nube ou o propio SkyDrive de Microsoft.
Mediafire tamén estaría a manter as súas operacións, aínda que tomando medidas máis drásticas que de costume (posiblemente por ter que testificar en breve polos contidos que hospeda), como a eliminación de case toda a música que subiran ao servizo dende o blog musical Angrier Chairs.
Pero esta reacción en cadea tamén está a afectar a compañías que non dedican a súa actividade á hospedaxe de ficheiros, senón que só facilitaban a súa localización, como SeriesYonkis e PelículasYonkis, que terían perdido a metade dos seus contidos só co peche dos servidores de Megaupload (é de agardar que cos peches sucesivos de servizos semellantes tamén se vexa máis prexudicado o seu catálogo) e, no caso de CineTube, a perda de contidos foi practicamente total.
De todos os xeitos, esta situación podería ser só temporal, pois dende distintas páxinas web con contidos en descarga directa están a anunciar alternativas que porán en marcha nos vindeiros días, e que queda por ver se serán ou non susceptibles de seren bloqueadas no futuro.
O sector das descargas directas reacciona ante o peche de Megaupload
Compartir Este Artigo
