O sector téxtil galego poderá coñecer esta semana diferentes solucións para ampliar mercados e competitividade
martes, 13 de decembro do 2011
O Centro Demostrador TIC organiza esta semana,
o xoves 15, unha xeira divulgativo-formativa sobre Solucións tecnolóxicas para a modernización da Industria Téxtil,
que servirá para amosarlle ao noso tecido produtivo o que pode facer a nosa
tecnoloxía innovadora a prol da súa mellora competitiva, de promoción, de busca
de novos mercados e de xestión. A xornada, que se desenvolve en horario de
10:00h a 13:45h, fará un percorrido por distintas solucións TIC e por tódalas
funcionalidades que ofrecen os nosos produtos: actualización do negocio,
mellora do posicionamento en buscadores e índices, apertura a novos mercados,
etc.
Entre as
devanditas solucións inclúese, segundo informa o Centro Demostrador, “un sistema para o control do proceso de
trazabilidade e outros procesos da cadea de valor, unha aplicación de
intelixencia de negocio que axude aos directivos na toma de decisións
estratéxicas para a súa empresa ou unha solución de xestión empresarial e
planificación de recursos”.
O evento divulgativo-demostrativo diríxese sobre todo aos profesionais e/ou
directivos das empresas galegas do sector téxtil. A asistencia é de balde,
condicionada ao aforo do local, previa
inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC.
Centro Demostrador TIC
O
CDTIC, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización, ten como obxectivo facilitar
ás empresas do sector tecnolóxico os medios
para acercar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos.
O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica
do tecido empresarial galego.
