O segundo vídeo de O Mundial fala galego supera as 3.000 reproducións
martes, 8 de xullo do 2014
Segue adiante, mentres
haxa Mundial de Fútbol en Brasil e de certo coa vista posta noutras
competicións e eventos internacionais, a campaña O
Mundial fala galego, da que
falamos en Código Cero salientando o seu obxectivo de lembrarnos que
hai un xeito ben galego de celebrar esta competición e que non é
outro que escoitar de primeira man o que nos contan, sen traducións,
os seareiros, comunicadores e deportistas do ámbito da lusofonía.
Dito doutro xeito: do que se trata é de aproveitar o privilexio de
que este Mundial se celebre en Brasil, un país no que por enriba de
todas as cousas, tamén se fala galego. Pois ben, a campaña puxo en
xogo (nunca mellor dito) hai uns días un
segundo vídeo que está a ser un éxito na Rede, xa que foi quen
de ir alén das 3.000 reproducións.
A peza, de case dous
minutos de duración, conta coa participación de coñecidas facianas
do eido da cultura galega, como Os da Ría, Lois Lopes, Vicente de
Souza, Carlos Meixide, Zé Paredes, Marcus Salgado, Federico Pérez,
Miluco Cao, Carlos Quiroga, Comba Campoi, o presidente da AGAL
(entidade responsable da campaña), Miguel R. Penas e Federico
Pérez, entre outros. A montaxe correu a cargo de Xacio Baño.
Lembrar que a campaña
incluíu un primeiro vídeo
de lanzamento no que se expuxeron en detalle os motivos para celebrar
a competición ao xeito de AGAL.
A campaña, en palabras dos
integrantes da plataforma, sustentouse sobre a necesidade de promover
a nosa lingua e facelo internacionalmente, unha lingua que, para quen
non o saiba, abre importantes portas e oportunidades alén das nosas
fronteiras, “se sabemos e queremos aproveitá-las coletivamente”,
sinalan. O feito de que Brasil fale galego, e máis polo miúdo de
que o Mundial tamén o faga, constitúe claramente unha destas
“oportunidades”.
