O senador do BNG pide ó Goberno que autorice ós concellos a crear redes Wi-Fi de balde para superar a fenda dixital

luns, 9 de xullo do 2007 Marcus Fernández

Francisco Jorquera, senador do BNG, vén de presentar unha pregunta na que demanda ó Goberno Central que permita ós concellos instalar redes Wi-Fi para permitir ós cidadáns o acceso de balde á Internet, lembrando que Telefónica, Vodafone e Orange anunciaron hai varias semanas que emprenderían accións legais contra os concellos que dean acceso gratuíto á Rede mediante Wi-Fi.
Jorquera criticou que as ameazas das principais operadoras de telecomunicacións de España estea apoiada pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións, que sostén que os concellos non poden subvencionar o acceso á Internet dos seus cidadáns xa que alteran o mercado.
O senador do BNG tamén destacou que España é un dos países que ten o acceso á Internet máis caro da Unión Europea, polo que defende que as administracións públicas deben garantir o acceso a toda a cidadanía á Rede para o desenvolvemento da Sociedade da Información e a superación da fenda dixital tan presente en Galicia.
Tamén subliñou o feito de que a CMT vete proxectos de redes sen fíos de balde en España mentres que nos EE.UU. se promoven os accesos deste tipo en cidades coma Los Ángeles ou San Francisco. Jorquera asegura así que as esixencias sobre esta problemática que impón a CMT non se deberían aplicar a comunidades como a galega, onde a fenda dixital está moi presente.