O servizo de impresión na nube de Google chega aos móbiles

luns, 24 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

O pasado mes de abril Google anunciou a entrada en fase de probas dun novo servizo que permitiría a impresión dende calquera aplicación en calquera dispositivo, sistema operativo ou navegador sen precisar de software específico, e para avanzar no espallamento desta tecnoloxía anuncian a posibilidade de poder utilizar o servizo Google Cloud Print para documentos móbiles e para a versión móbil de Gmail, de xeito que irá espallándose entre os usuarios nos vindeiros días.
Esta tecnoloxía pretende que cando recibamos no móbil un documento que precisemos imprimir de xeito urxente, poidamos facelo abríndoo en Google Docs ou dende Gmail, aplicacións que contarán coa opción de Imprimir nun seu menú despregable, de xeito non será preciso copiar os documentos .doc e .pdf a un PC para imprimilos.
Esta característica estará inicialmente dispoñible para usuarios de fala inglesa nos EE.UU. que teñan terminais con soporte de HTML5 coma móbiles con Android 2.1 ou superior e iOS 4 ou superior. Paulatinamente irán incorporando máis países, linguas e terminais a este servizo que promete revolucionar o xeito de entender a impresión, tanto no ámbito profesional coma no doméstico.