O servizo galego Trocobank consegue superar a liña das 1.000 empresas participantes
mércores, 28 de marzo do 2012
Trocobank, servizo galego para achegar crédito
empresarial a través das canles máis innovadoras, vén de facer balance do
acadado dende a súa posta en marcha a nivel internacional e cen por cen
operativo, co comezo deste mes de marzo. Segundo nos contan dende Vigiliam, a
rede empresarial galega responsábel deste novo acubillo de financiamento xa
conta ao seu abeiro con máis de 1.000 empresas (autónomos e PEME) beneficiándose
das súas vantaxes, 140 das cales teñen o seu emprazamento na nosa terra. Amais
de por estas cifras, Trocobank tamén é novidade por un novo recurso posto en
xogo: a entrada en escena dos emprendedores para axudarlles, dende o servizo de
crédito, a que comecen a súa aventura no mercado, sinalan dende Vigiliam.
O obxectivo desta
rede ao pór en marcha unha canle de crédito como esta foi o de achegar algo
novo que botase un pouco de aire fresco nun panorama, o do subministro de
incentivos para crear ou consolidar unha empresa, que polas razóns que sexan
segue a ter os mesmos modelos cós empregados antes da crise. Polo tanto, tanto
a forma como o contido tiña que cambiar. “O
noso sistema”, explican, “xorde para
axudarlles aos empresarios a manter a súa actividade económica e superar os
problemas de financiamento, convertendo os activos correntes das empresas en
instrumentos financeiros”. Arestora, na súa cuarta semana de operatividade,
Trocobank conta xa coa participación de 1.088 empresas de toda España, das que
140 son galegas.
O obxectivo, a
maiores, é que Trocobank actúe como un sistema financeiro “igualitario, solidario e transparente, concedendo créditos iniciais ás
empresas que os precisen para desenvolver o seu labor ao abeiro do sistema”.
O financiamento inicial é de 6.000 euros para os autónomos e de 10.000 para as
empresas, sendo contías suxeitas a medre, é dicir, que se irán incrementando a
medida que se realizan máis vendas. “O empresario que realice operacións no
seo de Trocobank conseguirá financiamento, clientes e aforro, ao devolver o
crédito a través de activos correntes, o que suporá un pulo á súa actividade
empresarial”, infórmase. O funcionamento, segundo se nos conta, é ben
sinxelo, semellante ao de calquera mercado: hai compradores e vendedores que
levan a cabo pedidos e vendas, e, polo tanto, un fluxo continuo de transaccións
comerciais. O rexistro no servizo é de balde, a través da páxina, e non se
precisan cartos en efectivo para operar.
Nestes intres, o crédito
total co que conta o sistema é de máis de 7,8 millóns de euros, cifra que se
amplía cada día ao medida que medra o número de empresas que participan.
Trocobank funciona neste eido como “cámara
de compensación”, sendo responsábel de organizar aos usuarios e de facer
que se cumpran as condicións de participación.