O silicio nas baterías dos portátiles podería achegar até 20 horas de operatividade

xoves, 20 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

Os fabricantes de portátiles e, máis concretamente, das baterías que os alimentan, van dando pasos devagar no eido da operatividade sen fonte eléctrica directa. Pero, digámolo ben claro, a menos que nos poñamos nós a argallar algo propio (como está a facer o colectivo AGNIX no vieiro do sustentábel co seu equipo Belenus), aínda lles queda ós fabricantes moito por facer. Ou sexa: que facer un traballo no ordenador a toda présa porque a carga das baterías é limitada abonda non un feito superado. Os máis afortunados contan con tres horas de subministro, e sempre que non se pasen de certa liña de traballo.
Con todo, a situación semella que vai polo vieiro de corrixirse: vemos en Tecnyo que están en preparación baterías de silicio que poderían durar a nada desprezable cifra de 20 horas. Abondo como para refacer 10 veces o mesmo traballo...
A idea é complicada pero podemos quedarnos co miolo: o silicio é mellor có carbono. En termos máis técnicos, do que se trata é de desenvolver baterías que, en troques de empregar carbono para amorear os ións de litio no ánodo, fan uso do silicio que ten meirande capacidade de almacenamento de ións. Este material deixa marxe para que o ánodo absorva o litio sen desglosarse, achegando un tamaño catro veces maior. Esta tecnoloxía está aínda en desenvolvemento, pero podería ser o sinal definitivo de que as cousas van mudar en breve en materia de operatividade dos equipos portátiles.

PUBLICIDADE