O sistema CRM100 soluciona a práctica totalidade das chamadas perdidas nos centros de saúde

venres, 18 de febreiro do 2022 Anxo Sesto

O xerente do SERGAS, José Flores, visitou este 17 de febreiro de 2022, o Centro de Saúde de Parda, en Pontevedra. Nel está instalada a plataforma CRM100, un sistema de xestión da relación co paciente. Trátase dunha solución innovadora que a Consellería de Sanidade puxo en marcha dende comezos do ano pasado en 40 centros de toda Galicia, sendo o obxectivo, despregrar esta plataforma tecnolóxica a toda Galicia ao longo deste 2022.
Segundo indicou o xerente do SERGAS, esta ferramenta incorpora un servizo de atención telefónica personalizada que “permite resolver o 100% das chamadas perdidas nun mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas”. No centro de saúde de Parda, dende que se instalou o sistema o pasado 10 de novembro de 2021, recibiu un total de 8.301 chamadas (117 chamadas ao día), das cales o 99% foron resoltas nun só día.
Peza clave na xestión da pandemia
José Flores tamén indicou que esta ferramenta permita xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e o persoal sanitario; optimizar a monitoraxe dos pacientes con COVID-19 e dos seus contactos estreitos; completar citacións de procesos masivos de vacinación; ou darse de alta na plataforma É-Saúde.
Reforzo da atención primaria
Por outra banda, aproveitou para destacar que baixo o abeiro do Plan galego de atención primaria 2019-2021, produciuse un reforzo de persoal sanitario, de renovación de mobiliario e de dotación de novos equipos electromédicos. Xustamente, para o centro de saúde de Parda incorporáronse: tres novos elecrocadriógrafos, tres novos holter, tres novos espirómetros e un novo desfibrilador.

PUBLICIDADE