O tablet de baixo custo para os estudantes da India podería facerse realidade

martes, 14 de xuño do 2011 Marcus Fernández

Hai preto dun ano o ministro Kapil Sibal anunciou que estaban a preparar un dispositivo tipo tablet para os estudantes da India que tería un prezo de 1.500 rupias e que serviría para ler documentos PDF e mesmo ver vídeos de YouTube, aínda que sen detallar as súas características técnicas (aínda que agardábase que fose un trebello con pantalla táctil, 2 Gb de memoria, Wi-Fi e USB), e pese a que chegaron informacións que apuntaban a que o proxecto fora cancelado, agora asegúrase que o produto chegará finalmente ás rúas, aínda que a un prezo máis elevado (2.200 rupias), que podería compensarse grazas a unha subvención do Goberno da India, de xeito que quedaría en só 1.100 rupias (17,06 euros) para os estudantes.
Segundo parece, non estariamos a un produto desenvolvido na India, senón que realmente sería unha versión do Hivision SpeedPad, un tablet chinés que puido verse o ano pasado no CeBIT, e que funcionaría cun procesador Samsung a 800 MHz, 256 Mb de RAM, 2 Gb de almacenamento interno, pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, sistema operativo Android, Wi-Fi, batería de 4.200 mAh (que permitiría unha autonomía de 6 horas) e coa posibilidade de incorporarlle externamente conectividade 3G, Bluetooth e GPS.
Deste xeito podemos entender que o escenario actual de alta competencia é posible conseguir dispositivos de baixo custo que faciliten a alfabetización dixital, e aínda que partir de equipos cunha capacidade moi limitada podería supor un atranco, o feito de abrir a porta ao libro electrónico e á interactividade en dispositivos persoais podería supor importante paso adiante en moitos contornos educativos.


O tablet Hivision SpeedPad visto na edición de 2010 do CeBIT