O teletraballo habitual consolídase en torno ao 8% no último trimestre de 2021

mércores, 16 de marzo do 2022 Anxo Sesto

O Observatoria Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) de Red.es publicou o Flash Datos de Teletraballo coa actualización do 4º trimestre de 2021 das persoas que desenvolven a súa actividade laboral en remoto no noso país. No estudo faise saber, entre outros datos de interese, que máis da metade da poboación contempla a actividade laboral a distancia de xeito positivo, “xa que evita desprazamentos e facilita a conciliación familiar”.
Teletraballo habitual e ocasional
Durante o último trimestre de 2021, máis dun millón e medio de persoas ocupadas teletraballaron de forma habitual. Os últimos datos amosan que a poboación ocupada consolidouse arredor do 8%, xa que a porcentaxe non variou con respecto ao trimestre anterior. Existe unha diferenza de xénero no teletraballo habitual: as mulleres seguen optando máis por esta modalidade que os homes. En concreto, a porcentaxe de mulleres que teletraballou sobe do 8,3 ao 8,6%, mentres que a dos seus compañeiros reduciuse do 7,7 ao 7,3%. O teletraballo ocasional, realizado durante menos da metade da xornada semanal, amosa un repunte de ata o 5,7% a finais do 2021. As persoas que traballaron a distancia de maneira puntual sumaron 1,15 millóns. No que respecta á diferencia de xénero, a porcentaxe de homes nesta modalidade é maior (5,8% fronte a 5,6%).
A xuventude teletraballa máis
Os datos tamén destacaron que as idades de entre 35 e 44 anos (8,6%) son as máis comúns no que respecta ao teletraballo habitual, seguidas das de entre 25 e 34 anos (8,2%). No teletraballo ocasional, as idades máis comúns son as de entre 45 e 54 anos (6,5%), seguidas das de 55 anos en adiante (6,4%).
A comunidade de Madrid á cabeza de España
Por territorios, a Comunidade de Madrid (15%) segue sendo onde é máis común o teletraballo habitual con case o dobre da media nacional (8%). Cataluña (10%) e o Principado de Asturias (8%) tamén están lixeiramente por enriba da media, mentres que Navarra, Cantabria e Murcia atópanse no outro extremo. O traballo habitual a distancia reduciuse durante 2021 en todas as Comunidades Autónomas a excepción de Aragón e Melilla, que se mantivo constante.
Beneficios do teletraballo
Un 52% ten valoración positiva do teletraballo. Aprecian que evita desprazamentos e reduce atascos (80%) e que favorece compaxinar a vida persoal e familiar coa laboral (76%). O 62% das empresas tamén ven beneficios nesta forma de traballar, destacando a redución de custes (66%) como o principal. Un 29% da poboación cría a principios de 2021 que o teletraballo aumentaría ao longo do ano, sendo os homes máis optimistas cas mulleres.

PUBLICIDADE