O titor virtual para emigrantes españois ideado pola USC amplía servizos a Bélxica, Holanda e Irlanda

venres, 27 de marzo do 2015 Redacción

O grupo de investigación Novos Medios (Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago), e o IFFE Business School desenvolveron un recurso de asesoramento docente encamiñado a botar unha man a quen ande á procura de traballo fóra da nosa terra e precise asesoramento de utilidade. Trátase dun titor virtual multimedia de xestión intelixente da comunicación, WorkerTutor. Na posta en marcha da ferramenta, en 2014, fíxose fincapé na súa vontade de “de favorecer a promoción e a inserción laboral dos emigrantes españois residentes en Alemaña, Francia, Reino Unido e Suíza”. Agora, a Universidade de Santiago reflicte que WorkerTutor vén de ampliar o seu eido de acción a Bélxica, Holanda e Irlanda.
Como lembraremos, WorkerTutor ofrece aos seus usuarios todo tipo de asesoramento en materia laboral: dende como comportarse de modo axeitado nunha entrevista de traballo no estranxeiro ata como redactar unha correcta carta de motivación ou mesmo un currículo de éxito. Ademais, dá acceso a todo tipo de información relativa ao marco xurídico e legal de cada un dos países que conforman o proxecto.
Unha vez máis, a USC lembra ás persoas interesadas en acceder aos servizos de WorkerTutor que deben rexistrarse previamente como usuarios na páxina web, cubrir un breve formulario e engadir o seu currículo. “Un especialista en recursos humanos porase en contacto con elas para solucionar as súas dúbidas e ofrecerlle asesoramento profesional”, sinálase.
Recordar que desenvolvemento deste servizo contou cun equipo integrado por oito profesionais e con financiamento do Ministerio de Emprego e Seguridade Social do Goberno de España.
Na súa presentación, o ano pasado, os responsables da ferramenta destacaron que “a gran novidade deste sistema nun panorama como o actual no que proliferan os portais de emprego, reside na relevancia que se lle outorga ao asesoramento”. Polo tanto, engadiron, WorkerTutor “non é un simple buscador de ofertas”, senón que tamén, e por riba de todo, “centra os seus esforzos en garantir que os emigrantes españois sigan os pasos axeitados para obter un bo emprego e sexan quen de expoñer todo o seu potencial durante ese arduo proceso”.
O titor multimedia WokerTutor tamén conta cun blog de seu no que se actualiza a realidade do mercado laboral nos devanditos países (agora tamén Bélxica, Holanda e Irlanda) ademais de completar a súa tarefa de asesoramento a través dos seus perfís en Facebook, Twitter, Linkedin e Google Plus.