O uso da Rede entre a mocidade galega é un fenómeno “absolutamente xeneralizado”, sinala a USC

xoves, 4 de setembro do 2014 Redacción

Onte presentábase en Santiago o estudo Mocidade on line, unha ollada pormenorizada aos costumes dos nosos rapaces en materia TIC, da que puidemos ofrecer algunhas das súas principais conclusións. Por exemplo, que o 31,4 por cento dos enquisados contactaron con descoñecidos a través da Internet, que o o 8,9 por cento sentíronse algunha vez ameazados ou humillados a través das redes sociais ou que un 6,8 por cento de casos foron eles os que ameazaron a outros. Entre os responsables da investigación atópase a Universidade de Santiago, a través da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario (PSICOM). Segundo fixo saber o reitor Juan Viaño na presentación celebrada na sede do Valedor do Pobo, os traballos amosados permiten por vez primeira determinar con precisión os riscos que os adolescentes asumen na súa relación con Internet.
Tamén informou que o grupo PSICOM colaborou no desenvolvemento do estudo no deseño e posta en funcionamento dunha plataforma en liña para captar datos reais. Como dixemos onte, no proxecto participaron de maneira voluntaria máis de 44.000 adolescentes de 255 centros de ensino secundario de Galicia. Os resultados acadados permiten constatar que o uso de Internet entre os adolescentes galegos é un fenómeno absolutamente xeneralizado (o 97,8% utilizan internet de maneira regular) cun 71,2% que se conecta todos os días e algo máis do 13% supera as cinco horas na mesma xornada. O mesmo pode dicirse das redes sociais –o 93% dos adolescentes está rexistrado nalgunha-, do teléfono móbil –a idade media de acceso ao primeiro móbil son os 11,12 anos– e de aplicacións de mensaxería instantánea como o Whatsapp –o 89,2% son usuarios.
Segundo explica a Universidade de Santiago, o traballo amosado inclúe datos referidos a determinadas prácticas que poderían ser “consideradas de risco ou potencialmente perigosas” e que, nalgúns casos, chegan incluso a constituír motivo de delito, como podería ser o ciberacoso, o sexting e a sextorsión. En palabras do reitor, “chama a atención que un 4% dos enquisados admitiron ter practicado sexting (envío de fotos ou vídeos de contido erótico ou sexual por medio de Internet) e máis do 31% recoñeceu ter contactado con descoñecidos no ciberespacio e nun de cada tres casos quedaron fisicamente coa persoa estraña”.
Segundo informa a Universidade de Santiago na súa web, o proxecto que deu como resultado o dito informe constitúe “un punto e seguido nos traballos que o Valedor do Pobo desenvolve desde 2011 para concienciar da necesidade de vixiar os comportamentos, ás veces arriscados, dos menores para coas tecnoloxías”. Os traballos resultantes, agora presentados en detalle, foron froito da colaboración do Valedor coa consellería de Cultura e Educación e AMTEGA e cos investigadores da Universidade de Santiago. Segundo reiterou o reitor, trátase da fonte de coñecemento máis ampla das realizadas ata o de agora sobre os hábitos tecnolóxicos da mocidade. Paralelamente, púxose en marcha un modelo de captación de datos para obter “con fiabilidade e rigor” resultados que permitan fixar índices reais de perigo relacionado coas TIC. A PSICOM da USC fíxose cargo de coordinar e dirixir todas as partes implicadas no proxecto, asistir os técnicos de AMTEGA no deseño da sistema informático e da interface de recollida de datos e actualizar periodicamente o sistema de indicadores.