O uso de gadgets á hora de durmir é a principal causa do soño lixo

martes, 4 de setembro do 2007 Matías Olazabal

Por se non abondase co telelixo e a comida lixo, un estudo levado a cabo no Reino Unido e publicado pola BBC vén de presentar unha nova “delicia” da vida posmoderna: o sono lixo. Malia que se poden facer moitas lecturas da frase, o termo refírese polo miúdo á calidade e a cantidade de horas de sono que intercalamos coas de vixilia, e tanto nun parámetro coma noutro, esta carencia semella ter unha maior repercusión nos nosos organismos do que cremos.

Os responsables da enquisa levada a cabo entre adolescentes do Reino Unido, que veñen de pór de relevo entre outras cousas que o terzo dos participantes durme só entre 4 e 7 horas, fan tamén fincapé neste dato: en moitos casos estas horas de sono vense alteradas pola presenza de trebellos tecnolóxicos, que diminúen notablemente a profundidade e a calidade do sono.

Deste xeito, durmir coa televisión, a radiocadea, ou espertar por mor do móbil no medio da noite son prácticas que acaban por baixar o noso rendemento durante o día, algo que lonxe de ser exclusivo dos mozos británicos, acontece con outros grupos de idades en todo o mundo.

Pola súa banda, o doutor Chris Idzikowski, do centro de sono de Edimburgo, asegura que esta tendencia é “moi preocupante”, xa que, ademais do cansazo, os nosos cerebros non reciben o acougo preciso, e mesmo este tipo de costumes pode levar a alteracións alimenticias que, á súa vez, son unha consecuencia dos cambios hormonais derivados da falta de sono. Segundo o devandito artigo, un grupo de científicos do Reino Unido vén de descubrir que a depravación do soño leva ao corpo a requirir alimentos máis ricos en azúcraos e amidón, e compensar mediante a súa inxesta a enerxía que non aumentou durante as horas de descanso, proceso que ao longo do tempo deriva no sobrepeso.

PUBLICIDADE