O vindeiro 15 de outubro temos unha cita co máis avanzado da mercadotecnia dixital no DMD Galicia 2016

venres, 30 de setembro do 2016 Redacción

O Digital Marketing Day Galicia 2016 é a vindeira cita galega para os nosos profesionais da mercadotecnia dixital e de todo o que ten que ver con facer rendibles as redes e as novas tecnoloxías no camiño de espallar, afianzar e incrementar as actividades empresariais. Segundo informan os organizadores, o evento xuntará o día 15 de outubro en Santiago de Compostela aos persoeiros máis referenciais e influentes da Rede en materia de promoción dixital, comunicación e redes sociais. Poderemos, grazas aos relatorios nos que participen estas/es blogueiras/os, dar conta de ferramentas innovadoras e solucións prácticas e eficaces para marcas, empresas e proxectos dixitais.
Entre os relatores convocados atópanse profesionais tan salientables como Eva Collado, Vilma Nuñez, Luís Villanueva, Rubén Alonso, Dean Romero, Miguel Ángel Florido, Claudio Inacio Russo, Javi Pastor ou Álvaro Fontela, co-fundador da firma galega Raiola Networks. Estableceranse varios tipos entrada (para asistir en streaming, de xeito presencial, con cea ou sen cea, con posibilidade de servizos de optimización e auditoría) e varias vías de colaboración. Detrás desta edición galega do evento está Raiola Networks, emprazada en Lugo no Viveiro de Empresas da Fundación CEL. A anterior convocatoria da xuntanza celebrouse no pasado mes de xuño en Málaga.