Obama supera os 4 millóns de gústames nun chío

xoves, 17 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A relación dos últimos presidentes dos EE.UU. con Twitter é moi próxima, pero por moitas polémicas que esperte Donald J. Trump coas súas declaracións incendiarias e impulsivas nas redes sociais, o público continúa a amosar unha maior adhesión ao seu predecesor, Barack H. Obama, quen xa arrasara en 2012 ao publicar unha fotografía apertando á súa dona como símbolo da felicidade por ter revalidado a súa presidencia, superando os 900 mil rechouchíos, e estes días superou unha nova marca, xa que a súa reacción aos acontecementos destes días en Charlottesville conseguiu máis de 4 millóns de gústames (e 1,5 millóns de rechouchíos) en Twitter.
A anterior marca de número de gústames correspondía a Ariana Grande, nun chío publicado tras o ataque terrorista no seu concerto en Manchester (sumando 2,7 millóns de gústames).
Obama, ante os disturbios raciais, en vez de realizar comentarios polémicos, optou por publicar unha fotografía na que mira para uns cativos de distintas razas engadindo unha cita de Nelson Mandela: «ninguén nace odiando a outra persoa pola súa cor de pel, orixe ou relixión».

PUBLICIDADE