A guía de lecer en liña OcioenGalicia, da empresa luguesa Paralelo 43, está a estrear novo deseño, coincidindo cun incremento de servizos ofertados dende a páxina para manter o pulo como unha das páxinas web do seu ámbito máis visitadas de Galicia. Este espazo ofrece unha axenda actualizada da actividade sociocultural das principais cidades galegas (concretamente A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra) e as súas áreas de influencia, incluíndo tamén a carteleira cinematográfica, teléfonos de interese e unha guía de locais de hostalaría.
Coa renovación OcioenGalicia achégase tamén un apartado no que destacan os puntos de interese de cada cidade, os seus museos e distintas alternativas de lecer. Conta tamén co servizo de autobuses das distintas cidades e outra información de primeira necesidade.
Este proxecto con 4 anos de vida acumulou durante o ano pasado 602.000 visitas e 5 millóns de páxinas vistas, con usuarios que pasan de media 2,16 minutos na web e cunha taxa de rebote de só o 19%, o que indica a súa boa aceptación e o seu crecente uso que sitúan a ocioengalicia.com no posto 64 da nosa listaxe de páxinas web máis populares de Galicia. OcioenGalicia tamén potencia a súa interacción cos seus seareiros cunha ampla presenza en Facebook, Twitter, Tuenti, Google+, LinkedIn, Pinterest, Tumblr e YouTube, así como un blog especializado.
OcioenGalicia renova a súa páxina web
Compartir Este Artigo

