Office 2016 ve a luz oficialmente

martes, 22 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Hoxe é a data na que Microsoft anuncia a dispoñibilidade oficial de Office 2016 a nivel mundial, de xeito que os subscritores de Office 365 poden comezar a actualizar as súas aplicacións ofimáticas e gozar das grandes vantaxes que ten o novo software para traballar de xeito colaborativo dentro da nova estratexia “mobile-first, cloud-first” que defende Satya Nadella, director xeral de Microsft, quen asegura que “as innovacións que anunciamos hoxe son un paso máis na transformación de Office, que evolucionou e pasou de ser un conxunto de aplicacións de produtividade indivisual a ser unha potente suite de aplicacións e servizos conectados e deseñados para mellorar o traballo, a colaboración e a produtividade dos equipos de traballo”.
Con Office xa non só temos aplicacións como Word, PowerPoint, Excel, Outlook, OneNet, Project, Visio e Access, senón que tamén están servizos como OneDrive, Skype, Delve, Yammer e certas funcionalidades de seguridade de ámbito empresarial. Se combinados o novo Office con Windows 10 temos a solución de produtividade máis completa, que en breve será aínda máis completa coa chegada da versión móbil de Windows 10, que contará coa funcionalidade Continuum (que abre todo un abano de posibilidades ao facilitar a creacións, edición, visualizacións e presentación de documentos de Office dende o smartphone coma se estivésemos a empregar un ordenador persoal).
A presentación do novo Office tamén se fixo en España, onde a presidenta local de Microsoft, Pilar López, asegurou que “o novo Office vén a reinventar a produtividade proporcionando unha mellor mobilidade da experiencia de uso, mellorando a capacidade de traballar en equipo, facilitando opcións de utilización do software en base ao contexto e adaptándose ás preferencias de cada usuario”.
Entre as novidades de Office 2016 de cara ás tarefas colaborativas destacan a co-autoría (Word, PowerPoint e OneNet permiten ver en tempo real o que os usuarios están a editar), integración con Skype (para poder conversar sen apartar a vista dos documentos) e os Grupos de Office 365 agora son parte integral de Outlook 2016.
Office 365 tamén evoluciona, con Office 365 Planner (para axudar a organizar o traballo en equipo); un OneDrive for Business que mellorará a sincronización, ampliará a capacidade de almacenamento e o tamaño máximo dos ficheiros; e GigJam chegará a primeiros de 2016 para permitir que os equipos de traballo poidan desenvolver tarefas e transformar os procesos de negocio rachando as barreiras entre dispositivos, aplicacións e persoas.
O novo Office inclúe numerosas melloras para permitir un traballo máis rápido e intelixente, incrementa a súa seguridade e, como vén a ser habitual, está dispoñible en 47 idiomas. Dende hoxe é posible a súa descarga manual por parte dos subscritores de Office 365, chegando ao resto de subscritores mediante as actualizacións automáticas que botarán a andar o mes que vén.

PUBLICIDADE