Oito investigacións avanzadas do CITIC recibirán axudas da convocatoria Proxectos de Xeración de Coñecemento 2022
xoves, 14 de setembro do 2023
Fíxose
pública a proposta de resolución provisional de concesión de
axudas correspondente á convocatoria 2022 de Proxectos de Xeración
de Coñecemento, que se encadra no marco do Programa Estatal para
Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa
Transferencia, dentro do Plan Estatal de Investigación Científica e
Técnica e de Innovación 2021-2023.
Oito
proxectos presentados por investigadores do CITIC foron aprobados
para optar ás devanditas axudas, os cales suman máis de 1.300.000
euros concedidos para o seu desenvolvemento. A duración de cada
proxecto será de 3 a 4 anos, segundo sexa o caso.
O
obxectivo da convocatoria é “financiar a realización de proxectos
de investigación que fomenten a xeración e o avance do coñecemento
científico e a investigación de calidade contrastada.
O
traballo Arquitecturas, Frameworks e Aplicacións da Computación
de Altas Prestacións (HOT-HPC), de Juan Touriño Domínguez e
Gabriel Rodríguez Álvarez é un dos seleccionados. Abrangue
diversas liñas de investigación en supercomputación ou computación
de altas prestacións (HPC), tales como a optimización de execución
de códigos en arquitecturas de altas prestacións, a aceleración da
execución en supercomputadores de aplicacións dentro dos eidos da
bioinformática e a IA e a optimización do uso de recursos
computacionais para o procesamento de datos, mellorando así a súa
eficiencia enerxética.
Outro
dos elixidos foi Busca, selección e organización de
contidos para necesidades de información relacionadas coa saúde -
Construción de recursos e personalización, desenvolvido polos
investigadores Álvaro Barreiro García e Javier Parapar López. O
proxecto baséase no deseño de estratexias de curación de contidos
para as tarefas de procura da saúde dos consumidores. O obxectivo é
desenvolver unha liña de detección de desinformación combinando
técnicas como a recuperación de información, a clasificación de
textos ou o procesamento de linguaxe natural. O proxecto é
multidisciplinar e abrangue aspectos de procesamento de textos,
lingüística computacional e computación de alto rendemento para
Big Data.
O
terceiro traballo seleccionado é Tecnoloxías de comunicación,
codificación e procesado para redes clásicas-cuánticas de próxima
xeración (MADDIE), liderado polos investigadores Luis Castedo
Ribas e José A. García Naya. MADDIE abordará algunhas das técnicas
avanzadas de codificación, clásica e cuántica, de comunicacións,
e de procesado de sinais que son cruciais para afrontar os retos da
visión emerxente 6G sobre a conectividade entre os mundos
cibernético e físico que determinará as redes e servizos de
próxima xeración.
José
Luis Calvo e Pablo Quintián Pardo foron seleccionados co seu
traballo Sistema intelixente para a xestión óptima da rede de
augas en cidades, o cal nace nun contexto social de profunda
preocupación pola xestión racional da auga. A principal liña deste
traballo é utilizar técnicas de IA e desenvolver modelos preditivos
para mellorar a xestión deste recurso e ser capaces de diagnosticar
e prever problemas relacionados coa distribución e o consumo.
Crearase unha aplicación móbil a través da cal os usuarios poderán
consultar o consumo e recibir alertas en caso de incidencia. Os
investigadores teñen a disposición unha maqueta que simula o ciclo
da auga na cidade da Coruña, para que se poidan realizar
experimentos con diferentes perfís de consumo e distribución de
auga.
O
investigador David Vilares Calvo postulou o seu Proxecto GAP
(Green and Pluggable Meaning Representations), que nace co
obxectivo de optimizar a comprensión por parte das máquinas da
linguaxe escrita por humanos. Céntrase en obter a representación do
significado do texto construíndo modelos neuronais xenéricos
semellantes ao etiquetado de secuencias. Así, pódense resolver
problemas que aínda non se superaron na investigación de
representación de significado e que se relacionan directamente con
desafíos aos que se enfronta a Intelixencia Artificial, como lograr
modelos máis ecolóxicos e democratizar as tecnoloxías da linguaxe.
Miguel
Rodríguez Luaces e Susana Ladra presentaron o traballo Modelado,
descubrimento, exploración e análise de data lakes ambientais.
O proxecto, coordinado polo CITIC no que tamén participa o CITIUS da
USC, busca optimizar a xestión de información en data lakes
xeoespaciais. Combinando estruturas de datos compactas e métodos de
desenvolvemento baseados en estratexias de xestión da viabilidade,
perséguese a creación de sistemas de información máis eficientes.
Incorporan o desenvolvemento baseado en modelos (MDD), que utiliza
modelos para xerar visualizacións adaptables e reutilizábeis. O
segundo compoñente crucial do proxecto é a investigación e
avaliación de estruturas de datos compactas para o almacenamento e
análise eficiente de datos xeoespaciais.
Carlos
Vázquez Cendón presentou o seu proxecto Métodos matemáticos e
simulación numérica en economía cuantitativa e finanzas,
biotecnoloxía, medio ambiente e enxeñería (MAMENUSIM), no que
se abordan problemas que xorden en economía, biotecnoloxía, medio
ambiente e enxeñería. No proxecto usaranse modelos matemáticos,
ecuacións diferenciais, métodos numéricos e optimización para
resolver problemas relacionados con equilibrio económico,
criptomoedas, virus, medio ambiente, acústica en turbinas eólicas e
lubricación, entre outros. O obxectivo principal é entender e
resolver estes problemas mediante a análise e a simulación numérica
dos modelos matemáticos.
Pola
súa banda, a investigadora Margarita Alonso Ramos presentou o seu
proxecto Avaliación de escritura académica automática,
centrado en deseñar un test diagnóstico para avaliar a produción
escrita de estudantes cuxa primeira lingua é o español e,
posteriormente, valorar se a incorporación de ferramentas de
Intelixencia Artificial como ChatGPT afectan á escritura académica.
O obxectivo do proxecto é propoñer un modelo automatizado de
avaliación das destrezas en escritura académica dos estudantes e
medir o impacto das novas ferramentas baseadas en IA.