Oppo prepara smartphones con pantallas sen marcos

martes, 24 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Aínda que os fabricantes chineses teñan sona de copiar sen cesar as tecnoloxías desenvolvidas por compañías occidentais, hai que recoñecer que tamén saben innovar, e como mostra diso temos que están a verse imaxes na Rede dun smartphone de Oppo que sorprendería por practicamente carecer de marcos ao redor da súa pantalla, o que respondería a unha patente da compañía que conseguiría así prescindir dos marcos sen ter que apostar por unha solución tan cara como as pantallas curvas das que está a presumir actualmente Samsung co seu Galaxy S6 Edge.
A solución de Oppo parece bastante intelixente, xa que nos laterais do panel incluiría unha estrutura especial de luz dirixida, de xeito que tería un bordes redondeados nos que se amosaría a imaxe do panel a xeito de proxección, permitindo así estender a imaxe á vez que se reduce o marco á mínima expresión (permanecendo agochado).
A patente de Oppo presentouse o 19 de decembro pasado, e un vídeo que apareceu na Rede danos a entender que xa se levou á práctica, e que nos vindeiros meses poderemos ver smartphones de Oppo con esta elegante tecnoloxía de pantallas sen marcos laterais.

A patente presentada por Oppo amosa unha intelixente solución para agochar os marcos laterais da pantalla dun smartphone

PUBLICIDADE