Optare Solutions adquire a mexicana Cinko Shared Service Center

xoves, 26 de decembro do 2024 S. P.

A empresa tecnolóxica galega Optare Solutions completou a adquisición do 100% do capital social de Cinko Shared Service Center, compañía con sede en México DF especializada en consultoría tecnolóxica e automatización de procesos mediante tecnoloxías avanzadas como RPA (Automatización Robótica de Procesos). Esta operación reforza a presenza de Optare Solutions no mercado LATAM e complementa a súa oferta en solucións de automatización.
Na nota publicada por Optare explícase que segundo as máis recentes estimacións, CinkoSSC pechará o exercicio 2024 con ingresos de aproximadamente 1,4 millóns de euros, o que contribuirá de maneira significativa a incrementar a cifra de negocios consolidada de Optare Solutions na rexión.
CinkoSSC conta cun equipo de case 30 profesionais e unha sólida carteira de clientes en telecomunicacións e nos ámbitos retallista e industria.
Optare explica que a colaboración con Indeplo, unha das entidades vendedoras de CinkoSSC, abre a porta a novas oportunidades de negocio, especialmente en redes privadas para a industria, combinando a experiencia de Optare na despregadura de solucións cos acordos estratéxicos de Indeplo na distribución de hardware especializado.
Neste contexto de expansión, Daniel Montiel, ata o de agora director de Cinko Shared Services, incorpórase tamén ao equipo de Desenvolvemento de Negocio en Optare Solutions México.
Luís Álvarez-Sestelo, CEO de Optare Solutions, afirmou: “A incorporación de CinkoSSC a Optare Solutions representa un gran paso na nosa estratexia de expansión en LATAM. Esta adquisición é unha oportunidade para sumar capacidades e fortalecer a nosa proposta de valor, mantendo o noso compromiso coa innovación e o crecemento sostíbel”. Con esta adquisición, engade, “Optase Solutions continúa consolidando a súa posición como un socio estratéxico global, fortalecendo a súa capacidade para ofrecer solucións innovadoras e ampliando a súa presenza en mercados clave como México e LATAM”.